CRTVG

Buscar

Feijóo: "Espero que non cheguemos tarde á retirada das máscaras"

Publicado o 16/06/2021 12:58

• Comesaña adía unha semana o documento que rexerá a desescalada

Foto: EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu urxir un protocolo para o uso de máscaras en espazos exteriores despois de que onte non se tratara no Consello Interterritorial de Saúde.

"Espero que non cheguemos tarde tamén á retirada do uso de máscaras como chegamos tarde a outras formulacións durante a pandemia", reprochou Núñez Feijóo. 

Tras unha visita este mércores a unha residencia de maiores en Santiago de Compostela, Feijóo dixo que na Xunta "esperabamos que (onte) se avanzara, polo menos, no deseño de condicións para ir buscando datas para ir retirando a máscara no exterior".

O presidente galego cre que é importante tratar esta cuestión nun momento no que "a vacinación vai avanzando en España". Puxo o foco "nos lugares, que son a maioría do territorio, onde hai pouca densidade de poboación" nos que "non ten ningún sentido" ter que levar a máscara para ir "pola rúa ti só", ou no ámbito rural, onde os traballadores do campo pasan a súa xornada laboral de forma "case continuada ao aire libre".

Por iso, o presidente da Xunta avanzou que o comité clínico de Galicia traballará de aquí ao próximo martes para analizar en que tipo de situacións se pode levantar a obrigatoriedade do uso de máscaras.

Con todo, remarcou que "o lóxico" sería pactar esta cuestión na Comisión de Saúde Pública.

Adíase o documento da desescalada

Nesta mesma liña, o conselleiro de Sanidade confirmou que aínda están a traballar nese documento que “será o cadro de mando” da nova normalidade. O texto abordará os límites de todas as actividades e situacións nas que haxa aglomeracións de xente, dende vodas ata actos culturais, pasando por oficios relixiosos. O obxectivo é unificar criterios.

Segundo as súas previsións, estará listo a vindeira semana e o propio presidente da Xunta informará do seu contido. 

“Este martes, o comité clínico estivo analizando o texto pero estamos pendentes do que decida Saúde Pública sobre a retirada das máscaras no exterior”. Julio García Comesaña asegurou que están a estudar as circunstancias nas que se podería eliminar o cubrebocas porque “o concepto de exterior é moi amplo”.

Ademais, dixo que queren coñecer a "opinión técnica dos epidemiológos" e agardar polas conclusións do Consello Interterritorial de Saúde. De todos os xeitos, "mantemos a liña de que será máis pronto que tarde", concluíu.

Noticias web

16/06/2021