Feijóo rexeita a repartición de fondos e pide un protocolo de gromos nas aulas
Feijóo comezou a súa intervención tras a Conferencia de presidentes facendo balance da situación do coronavirus en Galicia.
Ademais, tamén indicou que Sánchez lle trasladou o seu interese por facer unha nova onda do estudo de seroprevalencia en outubro en toda España. A segunda tería lugar a principios de 2021, en función da evolución da situación. Así mesmo, cabería a posibilidade doutro estudo na poboación na metade do 2021 "cara a finais da primavera e principios do verán".
Outra da cuestións tratadas na Conferencia de presidentes foi a de pactar protocolos de cribado comunitario, crear un grupo de traballo de comunidades autónomas sobre vacinas e a xestión dunha "volta segura ás aulas".
No tocante ao ámbito educativo, di Feijóo que hai que ter "paciencia e determinación", pero que chegaron tarde. Lamenta non estar "á altura".
Indica que se vai cumprir o protocolo e as distancias de seguridade, "reforzar o profesorado" e realizar probas serolóxicas a 40.000 persoas.
Na comparecencia, Feijóo anunciou que a vindeira semana se agardan reunións cos claustros e nos próximos días coas familias, a través de "videoconferencias" e "campañas nos medios de comunicación" para explicar o inicio do curso escolar.
Tanto en Galicia coma noutros lugares, di Feijóo, avaliarase estudar que axudas e permisos se poden dar para as familias cun fillo que resulte positivo e non teñan con quen deixalo.
Recoñece que as administracións "non estiveron á altura" das demandas das familias
Alberto Núñez Feijóo díxolle a Pedro Sánchez que as administracións "non estiveron á altura" das demadas das familias e que esta Conferencia de Presidentes sobre o inicio do curso escolar "chega tarde".
Feijóo pediu nesa reunión un protocolo que regule como actuar no caso de gromos nunha aula e que se estude a posibilidade de darlles axudas aos pais e nais de nenos contaxiados por Covid-19.
Tamén insistiu na súa oposición aos criterios para repartir o fondo de Educación. Cre que está feito "á carta de determinados intereses territoriais".
Núñez Feijóo fai balance da situación da covid en Galicia logo da Conferencia de Presidentes co Goberno. Sígueo en directo https://t.co/zGGjXuUQwJ pic.twitter.com/Zf2zST4p95
— G24 (@G24Noticias) September 4, 2020
En desacordo coa repartición do Fondo Educativo Covid
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou este venres na Conferencia de Presidentes o seu malestar coa repartición do Fondo Educativo Covid, dotado con 2.000 millóns de euros. Así, aínda que valorou esta partida, entende que non se teñen en conta custos como o transporte. Ademais, pediu un acordo "explícito" para tratar as situacións de gromos nos centros.
Feijóo tamén aproveitou a súa intervención para reclamar un "compromiso orzamentario" coa mirada posta no ano que vén. Do mesmo xeito, reclamou coñecer as previsións económicas para 2021, co fin de poder avanzar no deseño dos orzamentos, que por lei deberían comezar a súa tramitación parlamentaria antes do 20 de outubro.
Lei Orgánica de Saúde
Finalmente, como avanzou o pasado martes no seu discurso de investidura, Feijóo quere que se modifique a Lei Orgánica de Saúde, e, para iso, enviará unha proposta tanto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como ás Cortes Xerais para a súa tramitación.
Ao seu entender, é necesario "modificar a lexislación sanitaria para ter os instrumentos máis eficaces para facer fronte á pandemia".
Neste sentido, trasladou ao presidente Sánchez que lle "enviará de inmediato unha proposta de reforma" da Lei de Saúde Pública, tal e como dixo que faría esta semana durante a súa intervención no pleno de investidura.