CRTVG

Buscar

Feijóo e o alcalde Santiago coinciden en "reformular" o Xacobeo coa expectativa de que se prorrogue

Publicado o 22/09/2020 17:30

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, coincidiron este martes na necesidade de "reformular" o Xacobeo 2021 dada a nova conxuntura marcada pola covid-19; e coa expectativa de que a prórroga ata xullo de 2022 que do Ano Santo piden os gobernos local e autonómico se concrete.

Tras este encontro entre o rexedor e o mandatario galego, ambos destacaron o ambiente cordial e de "colaboración" non só da cita deste martes en San Caetano, senón da relación entrambas as administracións. Feijóo deu especialmente as grazas a Bugallo pola actuación do Concello na xestión da pandemia.

En canto a "reformular" o Xacobeo, o presidente galego explicou que a Xunta ten un documento, que analizará con maior profundidade co Goberno local, pero que apunta á necesidade de recorrer á "imaxinación" para modificar os plans dun Ano Santo en que os macroconcertos, por exemplo, salvo un cambio significativo na situación epidemiolóxica, desaparecerán da axenda.

En canto á prórroga do Ano Santo, Feijóo destacou que Bugallo tamén o ve "procedente". "Pensamos que é o correcto e seguro", esgrimiu o xefe do Executivo autonómico, que, despois de solicitar o apoio do rei Filipe VI, confía en "atopar" na Igrexa compostelá (que xa se mostrou favorable) e en Roma a "complicidade" precisa para lograr a autorización pertinente. "De lograr esta autorización e facerse esta prórroga sería histórico", resolveu.

Noticias web

22/09/2020