CRTVG

Buscar

Feijóo e Casado emendan as palabras de Ayuso sobre o rei e os indultos

Publicado o 14/06/2021 14:37

O presidente da Xunta de Galicia considera "evidente que o rei ten que sancionar" os indultos dos condenados polo 'procés', en referencia ás palabras da presidenta en funcións da Comunidade de Madrid na protesta de Colón. Este domingo, Isabel Díaz Ayuso cuestionou se o Goberno "vai facer cómplice" o rei Filipe VI da súa acción "ilegal".

"Imaxino que a presidenta da Comunidade de Madrid se preguntaría sobre a comodidade da sanción da resolución do Goberno", dixo Alberto Núñez Feijóo nunha declaración aos medios tras visitar ao papa Francisco. Na súa opinión, foi un simple comentario e "en ningún caso unha inxerencia nos labores do xefe de Estado".

Sobre a manifestación, na que non estivo polo seu encontro co pontífice, afirmou que se convocou para "dicir que debemos defender a Constitución".

Para Núñez Feijóo, "é a primeira vez en 40 anos de democracia que se vai tramitar e aprobar un indulto en contra do criterio do Poder Xudicial e a primeira vez que se vai a indultar por intereses políticos de mantemento do Goberno".

Casado desmárcase

O líder do PP, Pablo Casado, remarcou que só o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, é responsable dos indultos, mentres o rei exerce o seu labor de xefe de Estado nunha monarquía parlamentaria.

"Ninguén salvo quen os promove e aplaude (os indultos) son responsables dese acto profundamente inmoral e traxicamente equivocado. Non hai máis cómplices que eles neste acto que non clausura senón que inicia un novo proceso de mutación constitucional para furtarlle aos españois a súa soberanía", asegurou ante os seus.

Na presentación da convención nacional que o PP celebrará no outono, o líder da oposición desmarcouse de Díaz Ayuso que na concentración de Colón afirmou: "Que vai facer o rei de España a partir de agora? Vai asinar eses indultos? Vano facer cómplice disto?".

As súas palabras xeraron críticas dende todo o arco parlamentario, dado que o rei nunha monarquía parlamentaria non goberna. O portavoz nacional do PP e alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, asegurou que só pretendía "denunciar" o "abuso" das institucións por parte do presidente, Pedro Sánchez.

"Saída de ton"

O portavoz adxunto do PSOE na Asemblea de Madrid, Juan Lobato, tachou de "saída de ton" as palabras de Isabel Díaz Ayuso. En declaracións aos medios, asegurou que "non ten ningún sentido retar directamente ao rei", porque a Constitución detalla como é o proceso do indulto e determina que debe asinalo cando o propón o presidente do Goberno.

Por iso, insistiu en que a Constitución "hai que defendela desde o seu artigo primeiro ata o último", algo "que o partido socialista ten claro, agora e desde a transición".

"Fracaso" da concentración

Pola súa banda, o secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos, proclamou o "fracaso" da concentración do domingo, cunha dereita "dividida" e un líder do PP, Pablo Casado, "escondido" para evitar os apupos.

"Quen nos trouxeron ata aquí fracasaron outra vez no seu intento de incendiar as rúas. A foto de onte de Colón é a foto da vergoña dun señor Casado que se esconde nun recuncho, sen pisar a praza, para que non o apupen", sentenciou na conferencia de prensa posterior á xuntanza da Comisión Permanente da Executiva Federal do PSOE.

Tras defender a posición do Goberno no conflito catalán, o número  tres do partido acusou tanto a Casado como a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, de "facerlle o xogo a Vox", que é "quen manda" en Colón, aínda que ambos os dous eviten retratarse co seu líder, Santiago Abascal.

Segundo a súa tese, ese acto serviu para deixar claro que Casado "non convence a dereita máis moderada", que non se manifestou este domingo, nin tampouco "a máis  dura", que foi a Colón pero apupou o presidente dos populares".

Noticias web

14/06/2021