CRTVG

Buscar

Feijóo e a oposición amplían as súas diferenzas para xestionar a saída da crise

Publicado o 13/10/2021 22:45

• O presidente da Xunta acusa a oposición de mentir "cos mantras de todos os anos" | Pontón insta a Feijóo a non colgar medallas coa pandemia e a pensar nunha Galicia en grande | Caballero acúsao de exercer de opositor ao Goberno e non de presidente da Xunta

• Feijóo anuncia a gratuidade das garderías a partir do vindeiro curso

AXENCIAS

O primeiro debate do estado da autonomía desta lexislatura deixou un presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e os líderes de BNG e PSdeG aínda máis afastados nas súas posturas e poucos anuncios sobre a acción futura do Goberno, entre os que destaca o da gratuidade das escolas infantís a partir do próximo curso.

Feijóo e a oposición acusáronse mutuamente de "non pensar en Galicia" e realizaron unha batalla de datos sanitarios, económicos e sociais nunha xornada en que o presidente galego iniciou a súa intervención anunciando que se ve o final do túnel da pandemia do coronavirus.

Precisamente a semana que vén a Xunta vai levantar o estado de emerxencia sanitaria decretado hai 19 meses. A pandemia centrou boa parte do debate, cunha oposición moi crítica coa xestión realizada pola Xunta e un presidente autonómico que asegura que lle doe que o critiquen cos "mantras de todos os anos", como a privatización da sanidade pública.

Así, o PsdeG considera que Galicia ve a luz ao final do tunel grazas á estratexia estatal de vacinación, mentres o BNG cre que o mérito é só dos galegos. Alberto Núñez Feijóo explica que o traballo dos sanitarios e do Sergas foi clave para ser a comunidade que máis rápido vacinou de España.

Tras unha primeira intervención de Núñez Feijóo pola mañá, de máis de dúas horas, en que debullou as medidas previstas polo seu Goberno, que se incluirán no proxecto de orzamentos que se aprobará a semana que vén, pola tarde o debate foi subindo de ton e terminou nun enfrontamento case persoal entre o presidente e a líder da oposición.

Pontón a Feijóo: "Non colgue medallas coa xestión da pandemia; é mérito da xente"

Núñez Feijóo exemplificou o cambio que cre que se produciu no BNG referíndose aos políticos cos que Ana Pontón "forraba o seu cartafol", que asegurou que eran antes Pujol e Ibarretxe mentres que agora os seus socios son Bildu e ERC. "A vostede preocúpalle o forro do meu cartafol, a min o que me preocupa é que os seus amigos se forren á conta dos galegos", replicoulle Pontón, quen lle reprochou insistentemente que non pense nunha "Galicia grande" como si asegura que quere o BNG, para o que expuxo un decálogo de propostas neste debate.

O mandatario galego seguiu nas súas preguntas á dirixente do Bloque para preguntarlle se "queren un procés galego". "Nin sequera teñen un nacionalismo propio, copian o que fan outros", afeou.  

"Pois teño que dicir que hoxe estou no debate do estado da nación galega. Por que lle molesta que diga iso? Non sei por que lle parece mal", replicoulle Pontón a Feijóo, quen precisamente se referiu a esta cuestión para evidenciar as posibles diferenzas nunha eventual reforma do Estatuto de autonomía, fixándose en que a clave está no "preámbulo".  

Neste asunto, o portavoz parlamentario do PSdeG apartouse do "independentismo" e falou de "nación de Breogán", precisamente a fórmula que se propuxo na época de Emilio Pérez Touriño —con Anxo Quintana como vicepresidente— na reforma que fracasou. "Ese conto xa o vivín", dixo Feijóo, quen entón como líder da oposición negociou a reforma que non frutificou. 

Caballero critica que Feijóo se preocupe máis de ser "líder opositor" que "presidente da Xunta"

E é que Caballero aproveitou para emprazar os grupos a que, unha vez se supere "o peor da pandemia", se inicie o debate para reformar o Estatuto. "Cremos que ao longo desta lexislatura haberá que adaptalo aos novos tempos, para poñelo ao servizo da xente", argumentou. Ademais, trasladoulle o apoio do PSOE á Xunta para reivindicar un sistema de financiamento autonómico que teña en conta factores como o envellecemento e a dispersión, mentres que o BNG propuxo un concerto económico. "Estaremos a traballar para que Galicia teña o mellor financiamento", sostivo Caballero nun discurso en que tamén se mostrou partidario de que as comunidades históricas teñan un "nivel competencial máximo".  

Con Caballero, o enfrontamento chegou a unha acusación de "filibusteiro parlamentario" por parte do líder dos socialistas galegos, tras acusalo Feijóo de dar "datos falsos" e de estar "en canto peor mellor". Tanto o BNG como o PSdeG consideran que Núñez Feijóo en lugar de centrarse nos problemas de Galicia está a facer de "opositor" ao Goberno central desde a comunidade para "ser útil" ao presidente do PP Pablo Casado e afeáronlle as súas políticas "conservadoras" e mesmo "ultras".

Feijóo xa puxo pola mañá o seu modelo de "moderación galega" como exemplo para toda España, xa que é un "contrapunto" á "inestabilidade, frivolidade e sectarismo" que ao seu xuízo dominan na política estatal.

Á parte da gratuidade das escolas infantís, o presidente galego anunciou que a partir de 2022 se poñerá en marcha o novo modelo de residencias en Galicia que incluirá "grupos máximos de convivencia de 25 persoas", que servirán "como pequenos fogares dentro de cada centro", e unidades de coidados tras as altas hospitalarias. Ademais, a Xunta aprobará un plan estratéxico 2021-2030 e prevé unha baixada de impostos que se concretará nos próximos orzamentos", garantiu o presidente.

Estas medidas foron recibidas como "propaganda" por parte da oposición, que reclamou un "cambio de modelo" para afrontar a recuperación de Galicia tras a crise pola pandemia do coronavirus e debuxou un panorama actual totalmente distinto ao que reflectiu Núñez Feijóo.

Mentres, o portavoz parlamentario do PPdeG Pedro Puy incidiu nas diferenzas, algo que tamén puxo de manifesto Feijóo na súa quenda de peche, ao advertir de que Caballero por unha banda se desmarcaba do "independentismo" e por outra defendía os acordos con esa formación do ámbito "progresista".

Así, Puy subliñou que a oposición "non está de acordo entre si" nin coa reforma ao Estatuto de Autonomía de Galicia nin co financiamento autonomía nin co mercado eléctrico. Ademais, augurou que, á vista do "diagnóstico" feito pola oposición sobre a situación de Galicia sería difícil chegar a acordos co Goberno autonómico

Para BNG e PSdeG, o presidente galego dedicouse a "desacreditar" para tentar tapar as súas "carencias". Este acusounos de non falaren da "Galicia real" e de falta de "rigor" nas súas críticas. Feijóo pechou a súa intervención proclamando que Galicia o merece todo, tras chamar á oposición a sumar neste "proxecto común" porque a comunidade autónoma aínda está a saír dunha "crise inédita" na súa historia e "ninguén sobra nesta tarefa". "O tempo de confrontar con todos e por todo debería ir terminando", advertiu. Así, instou a BNG e PSdeG a presentaren "propostas honestas e sinceras" porque todas elas "van ser estudadas e benvidas por parte do Goberno".

Os grupos parlamentarios teñen de prazo ata mañá, xoves, ás 10:30 da mañá, para presentar as súas propostas de resolución, un máximo de 40. Pero dispoñen de tempo ata as 22:30 da noite para rexistrar as que sexan negociadas ou transaccionadas entre varios grupos. 

O Parlamento recorda a Valeriano Martínez 

A foto para o recordo deixouna o escano baleiro de Martínez —no que se depositaron exemplares da Constitución e do Estatuto de Autonomía e mais unha hortensia branca. A xornada parlamentaria arrincou cun minuto de silencio na súa honra e un sentido aplauso por parte de todos os grupos.  

Pero a concordia pronto deixou pasou a outras sensacións cando Feijóo deu as grazas ao BNG por acceder a aprazar o debate despois da morte do conselleiro e os populares —como despois trasladaron en redes sociais— afearon ao PSdeG non aceptar pospor a cita porque interfería, dixeron, no seu calendario de primarias.

Tamén afearon a Gonzalo Caballero e ao seu rival interno Valentín González Formoso non pararen a campaña interna. Caballero negou a versión popular ante os medios e defendeu que o PSdeG si se abriu a aprazar o debate a partir dunha data "viable", a partir do 2 de novembro (as primarias celébranse o 30 de outubro).

E pola tarde, o socialista lamentou a actitude dos populares e o uso deste asunto en redes sociais.   "Non nos parece de recibo que mentres estamos nesta tribuna, o Twitter oficial do PP trate de expor unha política de confrontar contra quen temos todo o respecto polo falecemento do conselleiro de Facenda", lamentou o socialista.

Noticias web

13/10/2021