CRTVG

Buscar

A Xunta concentrará en dúas residencias integradas os maiores contaxiados

Publicado o 25/03/2020 09:30

• Feijóo destacou que estes centros "terán un control sanitario máis intenso"

• Os positivos nas provincias de Pontevedra e Ourense serán recolocados nunha residencia en Baños de Molgas; os da Coruña e Lugo, en Santiago

 

A Xunta de Galicia concentrará en dúas residencias integradas usuarios de residencias da terceira idade que dean positivo en coronavirus para que "poidan ser tratados de forma máis medicalizada" e cun coidado "máis directo".

Así o anunciou nunha conferencia de prensa ofrecida este martes á tarde o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que destacou que estes centros "terán un control sanitario máis intenso".  Feijóo explicou que os usuarios de residencias que dean positivo nas provincias de Pontevedra e Ourense serán situados nunha residencia integrada que se habilitará no centro da Fundación San Rosendo, en Baños de Molgas (Ourense), nunhas instalacións que aínda non foron estreadas. Pola súa banda, os que estean infectados nas provincias da Coruña e Lugo serán situados na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, cuxos actuais inquilinos serán trasladados ao Hotel Congreso de Teo (A Coruña).     

Os primeiros usuarios da residencia de maiores de Celanova, un dos maiores focos de contaxio en Galicia, empezaron a ser recolocados no centro de Baños de Molgas, e está previsto que nas próximas horas o fagan outros seis afectados por coronavirus, segundo confirmaron a Efe fontes municipais. Na Consellería de Política Social confirmaron a Efe que os primeiros usuarios que serán trasladados a esta localidade ourensá serán "todos os da residencia San Carlos de Celanova", que deron positivo en coronavirus. 

As residencias privadas serán tuteladas pola Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes que desde esta mesma xornada as residencias privadas de maiores e dependentes pasan a ser "tuteladas" polo Goberno galego. "Todas as residencias privadas pasarán a ser, a partir de hoxe, residencias tuteladas". En todo caso, subliñou que a pesar de que os centros pasen a estar tutelados pola Xunta, serán os propios xestores das residencias os que continúen como "responsables do seu mantemento e a adecuación". "Os xestores teñen que seguir á fronte e conseguir por todos os medios o persoal que necesitan", insistiu Núñez Feijóo. Coa posta en marcha desta medida, as residencias privadas deberán trasladar "dúas veces ao día" toda a información relativa a posibles contaxios ao departamento autonómico.
Respecto ao material, Feijóo explicou que a Xunta de Galicia xa dispensou aos centros sociais de maiores e dependentes un total de 59.000 máscaras, 1.000 solucións hidroalcohólicas e 28.000 luvas. No caso das residencias privadas, son estas as que deberían comprar o material, tal e como fan outras institucións, puntualizou, pero no suposto dos centros que non tiñan "provisión ou que xa o utilizaron", a Xunta tentará proporcionar o necesario. 
57 usuarios contaxiados

Feijóo remarcou, ademais, que responde ás solicitudes da Fiscalía coa maior celeridade que é posible cando se producen, e tras subliñar que nestes centros vive poboación moi vulnerable, augurou que as cifras de contaxiados "medrarán" neste ámbito, igual que ocorre co resto de infectados. En todo caso, precisou que dos máis de 22.000 usuarios de residencias en Galicia, neste momento os contaxiados son 57. "Sabemos que hai outras persoas ás que se lles fixo a proba e nos próximos días saberemos o resultado", esgrimiu, antes de insistir na "tutela" das residencias, que teñen a obrigación de "informar dúas veces ao día do que alí está a suceder".   Os 57 casos están localizados en oito residencias: 13 na residencia de Celanova, 18 en DomusVi Barreiro (Vigo), 11 en DomusVi San Lázaro (Santiago), tres en Fogar Bellolar (A Coruña), un en Caldas, oito na Residencia O Portazgo (A Coruña), dous na nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras) e un en DomusVi Cangas. "Naqueles centros en que hai máis incidencia tamén actuamos con máis intensidade", defendeu Feijóo.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2020