CRTVG

Buscar

Feijóo di que Galicia ten capacidade para resistir e funciona como un único hospital

Publicado o 28/01/2021 23:23

O presidente da Xunta acaba de referirse á presión hospitaria. Feijóo explica que Galicia funciona como un hospital único e que hai capacidade para resistir.

"Galicia ten un hospital, e está a disposición de todos. E ese hospital é o conxunto de camas de UCI e en planta do Servizo Galego de Saúde, e os pacientes irán a un hospital ou a outro en función da necesidade", dixo Núñez Feijóo.

Tal e como adiantou onte no Parlamento, Feijóo levará á Moncloa seis asuntos vencellados coa covid: pediralle unha posición de país sobre o teletraballo e o uso das máscaras FFP2, unha lei da pandemia, que as comunidades poidan ampliar o toque de queda, criterios transparentes sobre a repartición de fondos europeos e datos sobre o calendario de vacinación. A isto engadiralle retomar as conferencias de presidentes.

Máis aló, Feijóo, quen mantivo unha conversación telefónica na pasada xornada coa nova ministra de Sanidade, Carolina Darias, incidiu en que a pandemia vai centrar o encontro e repasou os seus principais relatorios, xa avanzadas na súa comparecencia parlamentaria deste mércores. Flexibilizar o toque de queda como solicitan varias comunidades, analizar en que contextos deberíanse usar as máscaras  FFP2 -e buscar solucións "económicas" se se fai obrigatoria nalgún- ou a necesidade de que España se dote dun instrumento lexislativo para xestionar a pandemia "a longo prazo" estarán sobre a mesa.

Feijóo tamén é partidario dun "consenso nacional" sobre o teletraballo e pide "compensacións" nos próximos fondos europeos que se repartan -co foco nos fondos Next Generation- ou a repartición "proporcional" de vacinas para os próximos grupos de vacinación.

Como exemplo, na pasada xornada, reivindicou que, se Galicia ten o 8,2 % da poboación de maiores de 80 anos, tamén debería recibir polo menos o 8,2 % das vacinas para este grupo. 

Tras repasar as distintas cuestións, o presidente galego remarcou, ademais, que sería conveniente "retomar" a Conferencia de Presidentes. 

Fóra da pandemia, o presidente da Xunta porá sobre a mesa outras reclamacións que non son novas: a finalización do AVE, rebaixa e transferencia da AP-9, un compromiso específico co Xacobeo e solucións para as industrias en dificultades.

 

Noticias web

28/01/2021