CRTVG

Buscar

Feijóo di que a vacinación dos mozos de 16 a 19 se fará en "ocos" que quedan por cubrir

Publicado o 23/07/2021 11:47
EFE

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo indicou este venres que os mozos de 16 a 19 anos, que teñen aberta a autocita, serán vacinados contra a covid−19 nos "ocos" que quedan por cubrir no transcurso do protocolo establecido.

Á pregunta de como se decataran o mércores os adolescentes de que se abriu para eles a cita se non fora anunciado aínda, Feijóo respondeu que "desde hai quince ou vinte días" advertiron de que ían tentar vacinalos nos ocos que deixa a xente que non acode ao ser citada, "dado que había moita presión da mocidade". Estes espazos descubertos, detallou, supoñen entre un 8 e un 12 %.

Por iso, o presidente da Xunta detallou que decidiron abrir a autocita a distintos grupos para cubrir esa porcentaxe, empezando polos estudantes Erasmus. "Finalizado o de Erasmus, seguimos abrindo autocitas polo criterio de maior taxa de infección", agregou.

Respecto diso, dixo que a taxa de infección entre mozos de 16 a 19 anos chega a 3.000 casos por 100.000 habitantes. "Aí abrimos a autocita, como é habitual, de forma mecánica", xustificou Feijóo, que asegurou que non teñen ningún interese en "coller a ninguén por sorpresa", senón que "son cuestións do portal do Servizo Galego de Saúde", que cando termina unha autocita abre unha nova.

Finalmente, explicou que o protocolo por idade continúa, daquela o obxectivo é finalizar a franxa de 39 a 30 e logo continuar coas persoas de 29 a 20. A vacinación para esta última franxa, indicou, xa comezou en Santiago.

Noticias web

23/07/2021