CRTVG

Buscar

Feijóo: "Neste momento Galicia non lle debe vacinas a niguén"

Publicado o 30/08/2021 13:17

Segundo os últimos datos rexistrados, en Galicia hai máis de dous millóns de vacinados con pauta completa e quedan unhas 220.000 persoas por recibir a segunda dose. Agora os esforzos da campaña céntranse en garantir unha volta segura ás aulas. "Temos o obxectivo de comezar o curso escolar con toda a poboación maior de 12 anos inmunizada con dobre dose".

Alberto Núñez Feijóo, di que a vacinación vai a un ritmo razoable, aínda que insiste en reclamar máis vacinas e critica os criterios de repartición de doses que fai o Goberno. 

O presidente galego admitiu este luns que a Xunta pediu vacinas a algunhas comunidades autónomas, como Madrid e Andalucía, ao atoparse con "dificultades" para administrar algunhas segundas doses, pero precisou que xa se devolveron.

Ao preguntarlle sobre se a Comunidade de Madrid lle cedeu da orde de 5.000 doses a Galicia en xuño, o presidente da Xunta aclarou que, efectivamente, "nalgún momento" pedíronse vacinas e foron devoltas nos días seguintes.

Cando a Sanidade galega tivo "algún problema puntual" ao chegar aos días pautados para inocular as segundas doses de Moderna e Pfizer algunhas comunidades autónomas prestáronlle vacinas, explicou o presidente da Xunta nun acto en Laxe. "Devolvémolas nos días seguintes. Galicia non debe vacinas", concretou Núñez Feijóo, quen agradeceu "a solidariedade" das autonomías que cederon as doses.

Feijóo volveu insistir en que o seu executivo non está de acordo en como se están a repartir as doses entre as autonomías. "Non se pode chegar a unha conferencia de presidentes, dicir que hai 3,4 millóns de vacinas novas para España e que Galicia non reciba nin unha soa dose", reprochou.

Neste sentido, apuntou que desde a Xunta se expuxo que as comunidades autónomas cunha baixa porcentaxe de inmunidade por pasar a enfermidade, como é o caso de Galicia, puidesen recibir vacinas, pero "o Goberno non aceptou".

Respecto á posible administración dunha terceira dose, indicou que é unha decisión que lles corresponde tomar aos clínicos. "Os políticos imos facer o que os clínicos nos manden neste caso, como viñemos facendo durante a pandemia", afirmou.

Tamén, sostivo que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de poboación maior de corenta anos inmunizada e que está "en primeiro lugar" en número de vacinas en persoas de entre 12 e 19 anos. "Imos a un ritmo bastante razoable. Necesitamos máis vacinas, evidentemente. Se as tivésemos poderiamos ter inmunizada a poboación de forma inmediata", destacou. 

Noticias web

30/08/2021