Feijóo defende a vacinación obrigada a sanitarios e coidadores de maiores: "Debe prevalecer a saúde pública"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defende que, aínda que "non é posible" neste momento coa lei española e nun contexto marcado pola pandemia da covid-19, a vacinación debería ser "obrigatoria" en determinados supostos e apunta aos traballadores sanitarios e a aqueles que se ocupan do coidado de maiores ou doutras persoas vulnerables.
"Cal é a miña opinión? En determinados supostos en que o traballo dunha persona ten relación directa con persoas vulnerables, con enfermos, creo que debería prevalecer a saúde pública xeral ante o feito individual da decisión ou non de vacinarse", defendeu, nunha entrevista concedida a Europa Press.
"Da mesma forma que é obrigatorio poñer un cinto de seguridade nun coche ou ter permiso de circulación especial para un vehículo de gran tonelaxe, creo que para exercer a sanidade ou o coidado de maiores é necesario unha vacinación obrigatoria", continuou a súa reflexión, poucos días despois de que un acordo co Goberno dese pé a que o executivo central retirase o recurso de inconstitucionalidade que presentara contra a reforma da lei galega de saúde. A principal discrepancia, precisamente, centrábase no apartado de vacinación, aínda que a Xunta sempre defendeu que non fixaba a súa obrigatoriedade.
Doutra banda,Feijóo anticipou que no outono haberá estudantes de instituto xa vacinados. "Pensamos que en outubro poderiamos ter a maioría de poboación vacinada cunha ou dúas doses de 14 ou 15 anos para arriba". Todo, insiste, vai depender das vacinas. De feito, con respecto á súa reflexión por idades, incidiu en que se hai máis doses e en agosto "empezan a chegar" as vacinas de Pfizer comprometidas por Sánchez as previsións poderían empezar a mellorar e "moverse algunhas semanas".
En todo caso, despois de criticar que foi "un erro, unha precipitación e unha frivolidade" que o Goberno falase "dunha inmunidade no 70 %" de vacinados, concluíu cunha apelación á prudencia, sobre todo co foco nos máis novos.
"Os médicos fálannos da enorme intensidade da delta e de que ninguén pode asegurar que nas próximas semanas non haxa variantes aínda máis agresivas e contaxiosas", dixo.