CRTVG

Buscar

Feijóo propón contar os nenos á parte nas reunións familiares do Nadal

Publicado o 25/11/2020 15:12

Galicia aplicará os criterios do comité clínico para avanzar na desescalada de cara ao Nadal. Alberto Núñez Feijóo di que coa saúde non se pode improvisar e coida que é cedo para definir como serán as reunións durante as festas.

O presidente galego expuxo que á hora de establecer o límite de persoas para as reunións familiares en Nadal, "o cómputo de nenos sobre adultos debería de ter unha metodoloxía distinta". Asegurou que esta metodoloxía distinta para os nenos é algo que lle parece "razoable", pero que aínda están a avaliar os pediatras no comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia, e que o Goberno galego fará unha proposta definitiva en decembro "co tempo suficiente".

Núñez Feijóo non quixo pronunciarse se o número límite para esas reunións debe de ser de 6, como propón o Goberno no plan presentado onte para as festas do Nadal, ou de 10, como expuxo a Comunidade de Madrid, e instou a ser "prudentes" e esperar a ver como evoluciona a pandemia nas semanas que quedan ata Nadal.

"Prefiro non improvisar, non vou entrar nunha discusión si son dez, seis ou oito", dixo, tras o que asegurou que a Xunta fará unha proposta en función de como evolucione a pandemia no mes de decembro e sempre "con antelación suficiente" para poder xestionar esas festas.

Reprochou que a proposta do Goberno para o Nadal se coñeceu a través dos medios de comunicación e apuntou a que son só "recomendacións", polo que cada comunidade autonóma "pode interpretar que pode facer o que considere oportuno".

Tamén criticou que o Goberno siga sen "homexeneizar" criterios a nivel estatal, coma se a pandemia lle afectase só de maneira "colateral" e actuando como "un invitado ante a pandemia e non un protagonista na xestión da mesma".

Por parte da Xunta, asegurou que non se vai a "anticipar nin improvisar" e seguirase o mesmo procedemento, que é esperar ás propostas do comité clínico, previo estudo e análise, e sometidas a criterios obxectivos epidemiolóxicos e despois cruzalas coa situación da pandemia en cada momento. 

Noticias web

25/11/2020