CRTVG

Buscar

Feijóo cre que Galicia está a piques de superar a cuarta onda, pero chama á prudencia

Publicado o 26/04/2021 15:52

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que a situación da pandemia de covid−19 en Galicia é de "relativa estabilidade" e defendeu que "neste momento crucial" a comunidade autónoma está "a piques de sortear a cuarta onda".

Galicia rexistra este luns 3.015 casos activos de covid−19, un menos que onte e un 9 % máis que hai unha semana, aínda que continúa cunha incidencia acumulada a catorce días por baixo de cen casos por cada cen mil habitantes e cunha positividade arredor do 2,5 por cento.

Para Núñez Feijóo, a situación en Galicia desde o pasado 26 de febreiro, cando comezou a apertura gradual das relacións sociais en espazos públicos e na hostalería, é de "relativa estabilidade", aínda que recoñeceu que nas últimas dúas semanas se produciu un "ascenso contido" de casos.

Estes datos colocan a comunidade autónoma entre "as máis seguras e con menor porcentaxe de casos novos", insistiu Núñez Feijóo, que sinalou que a situación está "controlada".

"Preocúpannos algúns datos na área sanitaria de Vigo", indicou o presidente galego, que, en calquera caso, insistiu en que neste momento "crucial" da pandemia Galicia está "a piques de sortear" a cuarta onda mentres outras comunidades autónomas seguen "en risco alto".

En cambio, incidiu, Galicia leva "varios meses" sen estar en risco alto, o cal é unha "boa noticia", aínda que apelou a "manter a prudencia" para que a medida que se vaia inmunizando máis poboación se poida seguir abrindo gradualmente máis actividades.

"Esta semana citaremos máis de 180.000 persoas para vacinar (...) co obxectivo de que en xuño, a finais, todos os maiores de 60 anos estean cunha ou dúas doses, un obxectivo que mantemos como posible", concluíu.

Esta semana Galicia recibirá as 105.000 vacinas de Pfizer que cada luns están comprometidas (aínda que puntualmente subiu esta cifra e acaba de anunciarse unha nova remesa de 1,7 millóns), 14.500 de Moderna e unhas 6.000 de AstraZeneca. A elas hai que sumar unhas 14.000 de Janssen a mediados de semana.

Desde o venres, o Sergas administrou 33.824 doses, das cales 24.735 se corresponden cunha primeira picada e 9.089 coa segunda, segundo se pode desprender da comparativa dos datos difundidos o venres polo Ministerio de Sanidade e a información que colgou na páxina web este luns a Consellería de Sanidade.

Noticias web

26/04/2021