CRTVG

Buscar

Feijóo adianta as eleccións en Galicia ao 5 de abril

Publicado o 11/02/2020 09:29

• O presidente da Xunta xustifica a súa decisión na necesidade de reducir a campaña electoral a 54 días e preservar a estabilidade

• Comunicará este martes se se presenta á reelección

• O detonante: Urkullu adianta as eleccións vascas ao 5 de abril

• É a cuarta vez que coinciden cos comicios en Euskadi

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este luns que as eleccións galegas se adiantará ao próximo 5 de abril; non aclarou aínda se se presentará á reelección. Tras o anuncio das eleccións vascas feito esta mesma tarde polo lehendakari Íñigo Urkullu, o presidente galego convocou os medios de forma "inmediata", como dixo pola mañá nun acto en Mazaricos (A Coruña), e comunicou a decisión de adiantar os comicios autonómicos, previstos inicialmente para o outono.

O obxectivo deste adianto, dixo, é "reducir ao máximo o período electoral de seis ou sete meses a 54 días e preservar ao máximo a estabilidade institucional e social que caracterizaron a Galicia os últimos once anos", dixo. Deste xeito, vascos e galegos votarán á vez por cuarta convocatoria consecutiva, tras coincidir en 2009, 2012 e 2016, aínda que Núñez Feijóo insistiu en que a decisión a tomou "pensando no que é mellor para Galicia". 

Recoñeceu que falou co lehendakari sobre a data electoral, aínda que rexeitou que fixese seguidismo da súa decisión. Tamén afirmou que na súa postura de adiantar os comicios a situación catalá, cunha convocatoria tamén este ano por determinar, non influíu.

"Son previsible, e xa imaxinan para que estamos aquí", presentouse Núñez Feijóo nunha ateigada sala de prensa na sede do Goberno galego en Santiago.

Tras confirmar que as galegas e galegos están convocados ás urnas o próximo 5 de abril, tamén avanzou a data de constitución do próximo Parlamento e, por tanto, do inicio da XI lexislatura galega: o 5 de maio, unha data que aparecerá mañá publicada no decreto de convocatoria de eleccións no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Núñez Feijóo lembrou que os galegos viviron catro procesos electorais en 2019, ningún responsabilidade da Xunta, remarcou, e explicou que en 2020 os galegos "si ou si" estaban chamados de novo ás urnas polo calendario electoral propio. Ante a "disxuntiva" dun período electoral de 54 días ou, pola contra, de "seis ou sete meses", explicou que "o máis beneficioso" para Galicia é convocar eleccións para o 5 de abril. 

Apelou á "coherencia" para "concentrar eleccións", do mesmo xeito que se fixo en 2009, 2012 e 2016, xunto ás do País Vasco. Asegurou que non está "disposto a renunciar aos seus compromisos por ningún tipo de interese ou por intereses alleos", o cal considera "bo para Galicia". "Achegamos responsabilidade, seriedade e estabilidade ao conxunto de España, sexan cales sexan as circunstancias no conxunto da nación", defendeu. 

Feijóo apuntou que o novo Goberno terá "moito camiño andado" ao ter "uns orzamentos en vigor" e "todas as ferramentas necesarias para seguir creando emprego". Falou tamén de consolidar as infraestruturas sanitarias e aumentar as prestacions.

"Que Galicia non reproduza todos os sobresaltos que viviu España nos últimos anos debería ser un obxectivo común", sentenciou Feijóo.

Canto á súa posible, e máis que probable, candidatura á reelección, pediu "acougo" e emprazou os medios á Xunta Directiva de mañá martes, onde se avaliará a presentación dun candidato. "Sei o que creo que debo facer, e fareino", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí