CRTVG

Buscar

Feijóo, sobre a intervención pública de Alcoa: "É unha solución"

Publicado o 07/10/2020 11:49

Alcoa volveu ser un dos eixos centrais da sesión de control no Parlamento galego. A líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón, enfocou o debate no milleiro de postos en risco de Alcoa, que, de pechar, di Pontón, estaría "firmando a acta de defunción da Mariña".

A líder do BNG urxiu a Feijóo a apostar pola intervención da multinacional, dada a clara "mala fe" nas negociacións, unha intervención que é "viable, legal e posible".  "Os gobernos teñen que actuar con decisión", aseverou Pontón, poñendo de exemplo o Goberno alemán de Merkel e a nacionalización da aeroliña Lufthansa.

A intervención pública, unha solución

"Alcoa deféndese todos os días e levo defendendo Alcoa todos os días do meu mandato", replicou o presidente. Núñez Feijóo explicou que a Xunta "non descarta nada" e que os escenarios posibles son tres: a venda a Liberty, a venda ao SEPI ou, en caso de Alcoa seguir ancorada no bloqueo, unha intervención pública, que para Feijóo "é unha solución".

O "problema fundamental" de Ourense é sanitario

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixou aparcada polo menos por uns días ou semanas a crise política no municipio de Ourense e defendeu este mércores que "o problema fundamental" da cidade neste momento é o sanitario, xa que o Goberno galego decidiu o seu confinamento pola elevada incidencia de casos de covid-19.

Durante a sesión de control no Parlamento galego, Núñez Feijóo replicou deste xeito ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen asegurou que a situación sanitaria é "preocupante" na cidade , aínda que puntualizou que iso non elude a "responsabilidade" do presidente galego e do PPdeG na crise do Goberno municipal da terceira cidade de Galicia.

O comité clínico que asesora a Xunta decidiu onte limitar a mobilidade interior en Ourense e a localidade limítrofe de Barbadás e estendeu as limitacións de nivel dous, restrición do dereito de reunión, entre outras, a outras áreas da provincia.

Caballero reprochou a Núñez Feijóo que pactase co actual alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, de Democracia Ourensana, "de quen dixera que era letal" para a cidade, a alcaldía da cidade a cambio de "manter o  baltarismo -en alusión a José Manuel Baltar- á fronte da Deputación de Ourense".