CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia que a sala de partos de Verín reabrirá o 3 de febreiro

Publicado o 29/01/2020 18:43

• A oposición alerta do "consentimento reforzado" que será preciso para dar a luz en Verín

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este mércores que o Goberno galego reabrirá a sala de partos do hospital comarcal de Verín (Ourense) a próxima semana, despois de permanecer pechada durante case dous meses pola falta de pediatras, segundo o Executivo autonómico.

"Por fin temos pediatras en Verín e por fin a próxima semana volveremos abrir a sala de partos de Verín", declarou Núñez Feijóo este mércores durante a sesión de control do Parlamento de Galicia, en que asegurou que as nais poderán volver dar a luz neste centro "con todas as garantías sanitarias".

Durante a súa resposta a preguntas de PSdeG e Grupo Común da Esquerda, o presidente galego reiterou que a decisión "técnica" de pechar a sala de partos no seu día estivo avalada por informes de pediatras do propio hospital de Ourense e recalcou que foi unha medida totalmente contraria ao "populismo" e "electoralismo" que achaca a oposición á súa xestión sanitaria.

"Sabiamos que iamos ter dificultades para explicar esta decisión, por suposto, pero iso non nos botou atrás", destacou o titular da Xunta, que sostivo que "primeiro está a vida das nais e dos nenos e despois están as reaccións e os desgastes do Goberno". 

"Exploramos todos os límites para conseguir pediatras para esa sala de partos", asegurou Núñez Feijóo, que lembrou que ofertaron prazas que quedaron desertas dúas veces no último ano e que quixo implicar ao Goberno central neste asunto ao asegurar que cos 370 millóns que calcula que lle deben -entre a liquidación do IVE e a prima ás autonomías cumpridoras- poderíanse contratar "cinco mil pediatras" para a sanidade galega.

Deste xeito, subliñou que o problema de falta de especialistas incumbe a "toda España", non só a Verín, e criticou que, a pesar de que levan tres anos reclamando medidas ao Goberno, como que se cre un rexistro de profesionais sanitarios, se celebrese un MIR extraordinario ou se elimine a taxa de reposición, o Estado "dixo a todo que non".

"Que fala a coalición?", preguntouse o mandatario autonómico, en referencia ao PSOE e aos membros da esquerda rupturista, a quen acusou de estar "perfectamente coordinados" para, á vez, criticar a falta de médicos e propiciala coa súa xestión á fronte da Administración central.

Mentres tanto, defendeu o traballo do Goberno galego e sinalou que o 80 % da poboación en Galicia vive á beira dun hospital ou centro de saúde renovado recentemente, un feito que a Xunta quere consolidar coas ampliacións dos complexos de Pontevedra, Ferrol ou A Coruña, que se presentará esta mañá e do que confirmou que se fará na actual localización.

Así pois, sentenciou que a oposición só entende a sanidade como unha "escusa para desprestixiar o Goberno" con falsas alertas de privatización e desmantelamento, polo que quixo erixirse ante estes "aprendices de xestión sanitaria" como o responsable dun sistema con máis profesionais, menos listas de espera e maior número de intervencións.

"Isto é o que lles molesta, señorías", remarcou Núñez Feijóo, que puxo en dúbida o compromiso co sistema sanitario de formacións como as agrupadas no Grupo Común da Esquerda, onde militan persoas publicamente declaradas antivacinas.

Esta afirmación espertou a ira do portavoz deste grupo, Antón Sánchez, que esixiu sen éxito unha rectificación despois de que o presidente galego afirmase que non queren vacinar aos nenos, algo que "como pai e político" dixo non estar disposto a consentir.

"Sabe que é falso", terzou Sánchez, que previamente fora chamado á orde por tachar de "triste censor franquista en San Caetano -sede do Goberno galego-" a Núñez Feijóo, a teor da "manipulación informativa" que, ao seu xuízo, impulsou para tratar de aplacar as críticas polo peche da sala de partos de Verín.

O parlamentario do Grupo Común da Esquerda alegrouse da "rectificación" da Xunta e, xunto cos reproche polas diferentes escusas postas para xustificar este peche, alertou do "consentimento informado reforzado" que o Servizo Galego de Saúde demandará para dar a luz neste hospital, que o presidente eludiu detallar.

"Vostede ten a obrigación de darlles aos verineses os mesmos dereitos que a todos os cidadáns de Galicia", reiterou Sánchez, que non cesou nas súas quendas de palabra de relacionar as políticas da Xunta cos intereses das empresas sanitarias.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, concedeu o mérito do cambio de postura da Administración autonómica á mobilización social que -na súa opinión- reflicte a existencia dunha maioría alternativa á actual en Galicia.

Para Caballero, Núñez Feijóo "tomou decisións que danaron os intereses da cidadanía do país" e só "empeza a recuar porque non lle dan as contas" para as eleccións autonómicas deste ano, que prepara desde un Goberno galego que converteu "na xunta directiva do PP na súa estratexia electoral".

O dirixente socialista cargou contra o presidente da Xunta por non asumir ningún tipo de responsabilidade na xestión do caso de Verín e concluíu que o actual Goberno "dá inseguridade, dá inestabilidade" e "mete medo aos profesionais sanitarios" e aos pacientes ao esixir o mencionado "consentimento informado reforzado" neste paritorio que "foi seguro, é seguro" e dispón de "mecanismos para que siga sendo seguro". 

Almuiña confirma a reapertura da sala de partos para o 3 de febreiro

O vindeiro luns, día 3 de febreiro, reabrirá a sala de partos do Hospital Comarcal de Verín, un centro que tamén contará, "por primeira vez desde 2006, con servizo de pediatría", segundo anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento de Galicia. O titular de Sanidade deu esta data durante a súa resposta a unha interpelación formulada pola deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, quen enmarcou o peche na concepción do Goberno galego de que "todo o que sexan servizos cunha reducida frecuentación, como a Atención Primaria do rural, é un gasto".   "

Esperemos que a sala de partos de Verín non sexa a antesala de máis recortes no rural", manifestou a parlamentaria de Común da Esquerda, que asegurou que este peche se produciu despois da eliminación doutras unidades no centro como os servizos paliativos.   En fronte, Vázquez Almuiña subliñou que a "escaseza de pediatras" é un "problema común en toda España" que motiva a existencia de "dificultade" na contratación de pediatras substitutos xa que "non hai profesionais en paro nesta especialidade".  

Así mesmo, tras anunciar a habilitación do servizo de pediatría neste centro, sostivo que Verín carece deste desde 2006, tras desaparecer "na época do bipartito", polo que "contou sempre cunha garda localizada de pediatras para atender os partos". "Os 2.136 nenos en idade pediátrica do distrito de Verín estiveron atendidos, como sempre, nos centros de saúde" e no PAC.  

Esta "escaseza de persoal" foi replicada por Eva Solla, que a vinculou á "falta de planificación" do Executivo galego durante a última década. Ademais, a deputada criticou a intención de Sanidade de implementar un "consentimento reforzado" para partos en Verín coma se tratásese dunha nova especie de "pin parental".   A iso, o conselleiro replicou destacando a importancia de que, despois destes dous meses nos que o paritorio permaneceu pechado, "os pacientes conten coa maior información posible". "O que queda é abrir o paritorio o 3 de febreiro con todas a seguridade e toda a información que necesiten os pais dos menores", indicou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí