CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia que a partir do vindeiro curso todas as escolas infantís serán gratuítas

Publicado o 13/10/2021 10:45

• O presidente adiantará melloras na Sanidade, residencias de maiores e educación

• É o primeiro debate desta lexislatura e o décimo dende que Feijóo é presidente

O debate comeza co discurso do presidente da Xunta, sen límite de tempo, que terá dous eixes principais: sanidade e reactivación económica. Feijóo avanzou no seu Twitter que anunciará a aprobación dos orzamentos a próxima semana, con máis gasto social e menos impostos. E tamén abordará melloras na sanidade, nas residencias de maiores e na educación. Falará de medidas para manter o emprego e loitar contra a crise industrial e tamén explicará as propostas de Galicia para acceder aos fondos europeos.

Despois do discurso de Feijóo, a sesión retómase pola tarde coa intervención dos grupos. A líder do BNG falará dos efectos das políticas do PP e pedirá reforzar o autogoberno e os servizos públicos cun novo modelo de financiamento. Ana Pontón detallará as propostas do Bloque para abrir un novo tempo en Galicia, que despois presentarán nas propostas de resolución.

Despois será a quenda do secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero. Avanzou que se mostrarán como unha alternativa nítida ao Partido Popular e que tenderán a man para corrixir as carencias da Xunta, asegurou. Di que é tempo de marcar as pautas da recuperación en Galicia. 

O de hoxe é o primeiro debate do estado de autonomía desta lexislatura, o ano pasado non houbo por causa da pandemia, e o décimo dende que Feijóo é presidente da Xunta.  

Noticias web

13/10/2021