CRTVG

Buscar

Feijóo avanza que o PP apoiará tramitar a transferencia da AP-9 no Congreso

Publicado o 05/12/2018 22:25

• Di que a postura sobre o traspaso lle corresponde ao PP nas Cortes

• A Camará debaterá a xestión da infraestrutura o 11 de decembro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Grupo Popular nas Cortes votará a favor da tramitación da lei para a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da autoestrada AP-9, que se debaterá o vindeiro martes 11 de novembro na Cámara Baixa.

O mandatario autonómico anunciou a postura do seu partido en Madrid durante o pleno do Parlamento galego en resposta a unha pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, relativa ao balance dos dez anos de goberno de Feijóo en materia de transferencia de competencias desde o Estado.

Tras puntualizar que a posición do grupo no Congreso sobre a transferencia da autoestrada "lle corresponderá ao PP", o presidente galego indicou que o Grupo Popular votará a favor de que a lei que expón o traspaso a Galicia sexa tramitada nas Cortes.

Feijóo fixo o anuncio logo de que Ana Pontón o emprazase a posicionarse sobre o debate da transferencia da infraestrutura.

"Lamento darlle unha mala noticia, o PP e o Grupo parlamentario maioritario nas Cortes votará a favor da tramitación da transferencia da AP-9", aseverou.

Na súa réplica, Pontón apuntou que o cambio na postura do PP respecto ao debate da lei para que a AP-9 pase a mans da Xunta prodúcese "agora que non gobernan" no Estado tras o triunfo da moción de censura contra Mariano Rajoy "grazas ao nacionalismo", que deu os seus votos ao socialista Pedro Sánchez. "Se necesita o apoio do BNG para defender os intereses de Galicia, terao. A ver se agora que non gobernan en Madrid espertan do seu soño", remarcou a líder frontista, que durante a súa intervención lembrou que o Goberno de Mariano Rajoy mantivo vetado o debate da lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Así, Feijóo, que se preguntou se o anuncio efectuado "incomodou" a portavoz do Bloque, remarcou que a postura sobre se o PP apoiará ou non no Congreso que a AP-9 pase a ser xestionada de maneira directa pola Xunta "corresponderalle" ao Partido Popular e os seus representantes nas Cortes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2018