CRTVG

Buscar

Feijóo avanza máis restricións: "Afectarán, aínda máis se cabe, a hostalería, a práctica do deporte e o illamento"

Publicado o 22/01/2021 11:08

• "Que máis ten que pasar para dicir que tras traballar hai que ir para a casa?", di o presidente da Xunta

O presidente da Xunta asegura que aínda que Galicia segue entre as tres comunidades con menor presión hospitalaria cómpre tomar novas medidas axiña para evitar o colapso das UCI. Alberto Núñez Feijóo avanza que a principios da semana que vén haberá máis restricións.

"Como conseucencia de que o toque de queda non vai ser autorizado polo Goberno, teremos que empregar outras ferramentas para restrinxir a mobilidade e restrinxir determinadas condutas e comportamentos que teñen unha maior interacción social", asegurou Núñez Feijóo durante a súa intervención no foro Nest Generation en Santiago de Compostela. 

O presidente da Xunta anticipou que afectarán "aínda máis se cabe, á hostelería, á práctica do deporte, e ao illamento municipal nos concellos galegos".

Aínda que como veu ocorrendo nas pasadas semanas, a decisión vaise tomar despois de escoitar ao comité clínico que asesora á administración galega, Feijóo deu por feito que o seu Goberno decidirá implantar esas medidas "nos primeiros días da semana próxima".

"Tomaremos as medidas por resposabilidade"

O presidente da Xunta volveu criticar a negativa do Goberno a autorizar a ampliación do toque de recollida que "pediamos todas as comunidades autónomas, practicamente por unanimidade, con independencia da cor política". Pero, dixo Feijóo "lamentablemente, o Goberno de España xa non está á fronte da pandemia, e ademais impide ás comunidades autómas xestionar con medidas máis razonables e nos aboca a medidas máis restritivas. Tomarémolas por responsabilidade".

Ante o aumento da presión asistencial preguntouse: "Que máis ten que pasar para dicirlles aos cidadáns que despois de traballar hai que ir para a casa?". "Se non imos poñer en cuestión a propia capacidade de seguir traballando, de seguir impartindo docencia e imos colapsar os centros sanitarios", advertiu o presidente da Xunta.

 

Noticias web

22/01/2021