CRTVG

Buscar

Feijóo augura que na primeira semana de agosto se vai dobrar a curva da quinta vaga

Publicado o 26/07/2021 15:29

Aínda que o número total de contaxiados segue subindo, hai unha área que xa mostra síntomas de que comezou a dobregar a curva de contaxios: a de Ourense. O presidente da Xunta dixo que no resto de áreas as medidas farán que a curva comece a baixar na primeira semana de agosto.

Así o trasladou en declaracións aos medios, en Caldas de Reis, onde foi preguntado polos eixos que centrarán o debate do comité clínico que asesora ao Executivo autonómico na pandemia e que se reúne habitualmente os martes.  

Respecto diso, o presidente esgrimiu que o comité seguirá analizando de forma "rigorosa" os parámetros que marcan o protocolo de actuación sanitaria na Comunidade, co foco na incidencia a 7 e a 14 días, e na presión asistencial, entre outros puntos.  

"Se vemos que hai concellos que empeoran, subirán as restricións; e se hai outros que melloran, baixarán", dixo Feijóo, quen situou como paradigma a evolución de Ourense, en alusión ao camiño que podería darse no resto do territorio.

"Hai un caso moi claro, Ourense. Cremos que Ourense tocou tope máximo de incidencia nesta onda e está a baixar de forma bastante clara", exemplificou, antes de engadir que, a evolución ourensá fai prever que "aínda queda unha semana de incremento da incidencia media" na comunidade.  

"Pero estamos xa máis preto. Espero que a primeira semana de agosto empece a baixar", augurou, antes de vincular este descenso coas últimas medidas adoptadas pola Administración galega. Para analizar a súa influencia nun ciclo completo haberá que esperar aínda varios días.

 

 

 

Noticias web

26/07/2021