Feijóo asegura que aínda agarda resposta sobre os proxectos de Galicia aos fondos europeos
EFE
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou este mércores no Parlamento galego contra a alianza entre BNG e PSdeG, aos que acusou de rirse dos cidadáns; mentres que Ana Pontón e Gonzalo Caballero reprocháronlle á súa vez o que consideran deixamento do presidente na defensa dos intereses de Galicia.
Durante a sesión de control, as habituais críticas á xestión da Xunta por parte de nacionalistas (que tamén cargaron contra o Goberno) e socialistas; e os reproces do presidente galego ao Executivo central deixaron paso a un enfrontamento con ataques máis partidistas entre os líderes das tres formacións políticas con representación na cámara autonómica.
Durante a sesión de control Ana Pontón cargou contra a submisión do presidente galego ao seu partido e aos grupos de presión empresariais "amigos do PP" en lugar de defender os intereses de Galicia. Deste xeito, a líder do BNG pediu a Núñez Feijóo que non se escuse nin busque "culpables" no Goberno central aos problemas de Galicia, principalmente do seu sector industrial, e recriminoulle que non pida a intervención pública de Alcoa, que non reclame a condonación da débeda do porto da Coruña, que non apoie o traslado da planta de Ence, que "impulse" un boom eólico "depredador" e que "mire a outro lado" ante as peaxes cobradas "ilegalmente" na AP-9.
O presidente galego ironizou sobre o que considera desavinzas entre PSdeG e BNG e afirmou que tras a sesión de control ambas as formacións seguirán unidas nas diferentes institucións en que están aliados "ríndose xuntos dos galegos". Núñez Feijóo asegurou que "o fundamental" para defender Galicia é "non mentir" aos galegos e tachou de "mentira e slogan" as diferentes propostas do BNG. Deste xeito cargou contra a tarifa eléctrica e o concerto económico que propoñen os nacionalistas e aos que se opón o PSdeG, comentou que no 77 % do territorio non se poden instalar parque eólicos e que a Xunta informou negativamente a 47 proxectos deste tipo tramitados polo Goberno. Por estes e outros motivos considerou que o BNG unicamente defende os intereses nacionalistas e que por iso "os galegos non votan o BNG e non lle dan a oportunidade de gobernar", afirmou Núñez Feijóo, que comparou o "48 %" (47,9 %) de voto do seu partido nas autonómicas de 2020 co "18%" (23,7 %) do BNG.
"Eu non cuestiono a súa lexitimidade democrática como presidente, pero vostede parece que a nosa si, que estamos aquí por obra e graza do Espírito Santo. Somos a segunda forza porque cada vez nos vota máis xente", replicpu Ana Pontón, que reprochou a Núñez Feijóo a súa "intolerancia ao debate democrático e a que lle digan as verdades".
Gonzalo Caballero (PSdeG) centrou a súa intervención na "falta de estratexia e de política industrial e económica" da Xunta na última década e emprazou a Núñez Feijóo a recuperar o tempo "perdido" e a pactar as prioridades dos fondos europeos de reactivación, que supoñen unha oportunidade que Galicia non pode perder. Segundo o dirixente socialista, en Galicia "non hai ninguén ao volante" na xestión dos fondos europeos e a Xunta dedícase a lanzar "pequenos foguetes" en forma de proxectos e a "confrontar" co Goberno de España. Caballero pediu, ademais, ao Goberno central que incremente os fondos "en transportes e infraestruturas" para Galicia.
Núñez Feijóo contestou que as "condicións prefixadas" do Goberno central para xestionar os fondos europeos "confirman ás comunidades autónomas como meras oficinas xestoras" duns fondos designados polo Executivo central. Destacou a posta en marcha dunha comisión de expertos independentes para deseñar os principais proxectos que optarán aos fondos europeos e indicou que o Goberno transfire ás autonomías non o 50% ao que se comprometeu, senón o 34 % "para que adxudiquen o que o Goberno quere que se faga".
Asegurou que remitiu ao Goberno os proxectos galegos e que aínda non obtivo resposta e indicou que os sectores estratéxicos, non os proxectos, que defenderá a Xunta son o forestal, o sanitario, o agroalimentario, a automoción e o enerxético. En calquera caso convidou ao líder socialista "aínda que sexa a oposición máis pequena" a que envíe por escrito as súas propostas sobre os fondos europeos para "contrastar" coas da Xunta.
"Comprendo que o PSdeG, en fin, está ocupado (...)", dixo sen concluír a frase, en alusión ao proceso interno orgánico dos socialistas galegos, tras o que insistiu en que a el "non lle ocupan máis" que os intereses de Galicia, como os "atacados polas políticas frívolas enerxéticas do Goberno central, que vostede defende e nós non compartimos e imos loitar contra elas".