CRTVG

Buscar

Feijóo apoia a protesta de Colón contra os indultos, que considera un "erro histórico"

Publicado o 08/06/2021 13:10

O presidente da Xunta apoia a manifestación contra os indultos na madrileña praza de Colón o vindeiro domingo, día 13, e a presenza do Partido Popular para rexeitar unha medida de graza que considera "erro histórico".

Alberto Núñez Feijóo protagonizou este martes o almorzo informativo de Nova Economía Fórum en Madrid, no que estivo arroupado polo presidente do seu partido, Pablo Casado; o de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e o alcalde de Madrid e portavoz nacional do PP, José Luis Martínez-Almeida.

Segundo o dirixente galego, a manifestación de Colón, onde coincidirán PP, Vox e Ciudadanos, non vai de dereitas ou de esquerdas, senón de crer no Estado de dereito e defender a Constitución.

"Paréceme perfecto, axeitado e oportuno que o meu partido participe", afirmou Núñez Feijóo, que non vai asistir porque se reúne co papa Francisco no Vaticano. Tampouco estará Fernández Mañueco por motivos persoais. Porén, a súa chegada ao acto tamén manifestou o seu apoio á protesta. 

O presidente da Xunta ve "a mesma canción de sempre" na carta na que o líder de ERC, Oriol  Junqueras, cuestiona a independencia unilateral e aposta por un referendo pactado. "O problema é que os feitos o contradín de cando en vez", agregou, tras lembrar que o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, dixo que esta vai ser a lexislatura da independencia.

"Autoindultos"

Sobre os indultos, considerou que nos imos "trabucar" e, en lugar de resolver problemas, "imos lexitimar un delito continuado". Feijóo rexeitou o que denominou "autoindulto" porque o Goberno o concede a un socio, polo que se produce un "conflito de intereses".

Ademais, amosou a súa fartura coas cuestións de Cataluña e ironizou ao asegurar que se proclamase a independencia galega, conseguiría "máis audiencia".

Noticias web

08/06/2021