CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia un "reforzo" das axudas ás vítimas da violencia machista na entrega das Medallas Pardo Bazán

Publicado o 09/12/2019 20:47

Unha das tres medallas foi para a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama, con sede no Morrazo.

"Animamos e facemos o imposible para que todos os que veñen a nós atopen un remedio e un sorriso", explicou Olga Sotelo, presidenta da entidade.

Distinción tamén para o programa Mulleres de Seu de Cooperativas Lácteas Unidas que promove o liderado feminino no rural. Recollérona cunha reivindicación.

"Se queremos que nas nosas aldeas a vida continúe, a muller é un piar fundamental", asegurou Carmen Rodríguez, de Clun.

E Medalla para Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero do Poder Xudicial, que llela dedicou aos que loitan dende primeira liña contra esta barbarie.

"Actualmente, a violencia de xénero segue sendo un dos máis execrables atentados contra os dereitos humanos", afirmou Carmona.

Alberto Núñez Feijóo dixo que contra a violencia machista só caben pasos adiante e que Galicia seguirá á vangarda nesta loita.

"Esta mesma semana volveremos convocar as axudas periódicas para as vítimas que abandonan o seu agresor e que necesitan respaldo económico durante un tempo. Reforzarémolas e serán as máis altas dende que as creamos", explicou o presidente da Xunta.

Carolina Rubirosa púxolle música ao acto.

Noticias web

09/12/2019