CRTVG

Buscar

Xa se pode pedir cita presencial co médico en atención primaria

Publicado o 15/09/2021 11:44

• O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explica que desde mañá a través da web poderanse pedir citas nos ambulatorios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que a partir deste xoves, poderán solicitarse citas presenciais co médico de cabeceira nos servizos de atención primaria. 

En resposta a varias interpelacións do BNG e do PSdeG, na sesión de control no Parlamento, o titular de Sanidade concretou que os pacientes poderán desde o xoves concertar unha cita presencial.

Comesaña anunciou así a data de continuación de citas presenciais en atención primaria do Sergas, despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apuntara que "nos próximos días" levaría a cabo esa decisión.

Con todo, o responsable de Sanidade da Xunta remarcou que en Galicia "nunca deixou de haber consultas presenciais" posto que podían solicitarse no mostrador dos centros de saúde ou os propios profesionais derivaban aos pacientes si así o consideraban.

Con todo, o conselleiro non aclarou aínda como funcionará o sistema ou o volume de citas que poderán atender os facultativos a pesar de que a deputada do BNG, Montse Prado, instoulle a "concretar ese anuncio".

"Probablemente" unha das primerias comunidades que recuperan o servizo

Feijóo asegurara nunha intervención previa que a presencialidade nos centros de saúde se iría recuperando "segundo vaia remitindo a  covid" e sinalaba que "de forma inmediata, nos próximos días, non meses" se ía recuperar a posibilidade de pedir consultas presenciais a través da o páxina web ou por teléfono. Eses próximos días concretáronse posteriomente na afirmación do conselleiro, cando lle puxo data: mañá, xoves. 

Segundo dicía Núñez Feijóo na sesión de control do Parlamento, Galicia será "probablemente" unha das primeiras comunidades en España en recuperar este servizo, á vez que insistiu en pedir a convocatoria dun MIR extraordinario, entre outras medidas, para solucionar a situación da atención primaria.

Tanto Ana Pontón, voceira nacional do BNG, que centrou a súa pregunta "no colapso" deste servizo, como Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, censuraron os "recortes" da Xunta como unha das principais causas do "colapso" da atención primaria.

Os dous responsables dos partidos da oposición pediron a Núñez Feijóo que aumente o investimento público e deixe de "facer de comercial para a privada", instouno a portavoz nacionalista.

Noticias web

15/09/2021