CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia máis medidas económicas e sanitarias na loita contra o coronavirus

Publicado o 26/03/2020 20:39

• A oposición amosou lealdade pero lamentou os recortes en sanidade

O presidente da Xunta compareceu na Deputación Permanente porque o Parlamento está disolto. E fíxoo para informar da situación de Galicia en relación ao coronavirus. Feijóo insistiu en que o peor aínda está por vir e fixo un chamamento á unidade. O presidente da Xunta anunciou novas medidas
económicas e sanitarias para facer fronte á pandemia.

A sesión comezou cun minuto de silencio polas vítimas e enfermos do coronavirus. Despois, o presidente da Xunta quixo dar as grazas ao sanitarios, ao resto de galegos que seguen traballando e tamén aos que quedan na casa. Dixo que o seu Goberno sempre traballou cun obxectivo: intentar adiantarse á pandemia.

"Dicir que Galicia non se anticipou é falar mal de Galicia, e, sobre todo, dos servizos sanitarios e sociais do país. O día 26 e 27 de febreiro, antes do primeiro caso de coronavirus, constituímos unha comisión de todos os departamentos da comunidade autónoma", di Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Anunciou Feijóo novas medidas que vai aprobar o próximo Consello da Xunta. Sete millóns para adquirir máis material sanitario e novas contratacións de médicos e enfermeiros. Será o segundo proceso de contratación de persoal desde que comezou a crise sanitaria.

"Entre os dous procesos, o que xa está aprobado e publicado no DOG, e o que acabo de anunciar, estamos a falar dun total de contratación de 358 profesionais, todos en período de formación que finaliza os pròximos meses, que se suman aos máis de 39.000 que xa traballan no Sergas. Nunca antes houbo máis profesionais no Sergas, e agora aínda haberá máis", anuncia o presidente da Xunta de Galicia.

Ademais, o Goberno galego aprobará a supensión dos prazos de presentación dos impostos autonómicos, o cal supoñerá na práctica, dixo o presidente, dar liquidez a 32.000 persoas e empresas. Rematou o presidente cun chamamento á unidade, porque, dixo, o peor está por chegar.

"Veñen semanas moi duras no ámbito sanitario. Por riba das siglas e dos partidos están os galegos. Nin a Xunta, nin o Goberno de España, nin os concellos nin os partidos, estean ou non gobernando, imos parar ata que todos poidamos respirar tranquilos", afirma Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2020