CRTVG

Buscar

O presidente da Xunta anuncia cribados semanais nas residencias de maiores

Publicado o 26/11/2020 22:27

Para seguir loitando contra a pandemia, Galicia vai facer máis PCR en residencias de maiores. O presidente da Xunta anunciou que haberá cribados cada semana

Segundo Núñez Feijóo, este é un "plan de choque" para reducir o impacto da covid−19 nas residencias —que rexistran un 43 por cento de mortalidade, "tres puntos por baixo da media española"—, e para iso a Xunta comprou tres millóns de tests de antíxenos, como instrumento adicional ás PCR, para poder cribar "con máis celeridade" nestes centros de maiores.

Ata o de agora eses cribados realizábanse cada quince días, e agora será a primeira comunidade española en facelos cada semana, dixo Feijóo.

O contido deste plan —do que non deu máis detalles— será concretado este venres polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña e pola de Política Social Fabiola García. "As residencias de maiores son unha das nosas meirandes preocupacións e imos seguir apostando pola detección precoz", concluíu Feijóo, após lembrar que Galicia foi "a primeira comunidade autónoma que implantou cribados quincenais".

Feijóo propón que menores de dez anos non conten para límite en reunións

O presidente da Xunta explicou que a proposta que exporá para as festas de Nadal é que os menores de dez anos non conten para o límite nas ceas familiares e que, ademais, este se estableza por unidades familiares e non por persoas.

Na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, defendeu que haxa un "marco común" para estas festas do Nadal e que cada comunidade poida adaptalo á súa situación epidemiolóxica.

Ao seu xuízo é mellor falar de limitar por unidades familiares e non por número de persoas porque, co límite que propuxo o Goberno de seis, poderían xuntarse ata tres familias de dúas persoas cada unha, o que supón máis risco de contaxio que se se xuntan dúas familias de seis persoas cada unha, que sumarían un total de doce. 

Noticias web

26/11/2020