CRTVG

Buscar

Prevese que en Galicia a vacinación comece en xaneiro cos maiores das residencias

Publicado o 13/12/2020 15:00

• Avanzouno o presidente da Xunta nunha entrevista na Radio Galega que podes ver aquí

 Feijóo falou tamén da repartición dos fondos europeos e da frota pesqueira ante o Brexit

 

O presidente da Xunta dixo na Radio Galega que, como o Ministerio de Sanidade non dispón de doses abondas para todos os galegos maiores de 65 anos, o Sergas vai empezar por vacinar os que viven nas residencias.

"Non van ser suficientes, polo menos as primeiras doses, para todos os maiores de 65, polo tanto temos, que elixir", asegurou Núñez Feijóo. "Parécenos que un requisito ou unha metodoloxía correcta é empezar por aqueles que están nas residencias da terceira idade. Son unhas 22.000 persoas, e as primeiras doses serán para esas 22.000 persoas", engadiu.

O plan galego de vacinación apróbase o xoves que vén. Alberto Núñez Feijóo aseguroulle a Luís Ojea que o Sergas ten os recursos precisos para vacinar a poboación e que os reticentes a poñela se convencerán axiña.

"É moito mellor inmunizarse a través dunha vacina que inmunizarse a través dunha infección do coronavirus; hai bastantes posibilidades ou de que che deixe efectos secundarios ou de que che produza o falecemento, a morte", asegurou o presidente da Xunta.

Para o Nadal, insiste Feijóo en que non se reúnan máis de dúas familias e que se prescinda de "achegados" nas mesas. A el parécelle que a hostalaría vai poder abrir en todas as cidades ata as once da noite e que haberá poucos peches perimetrais urbanos.

"Penso que as cidades galegas teñen moitas posibilidades todas elas de abrir ata as 23 horas, a resposta é que si. A maioría das cidades galegas creo que poden quedar fóra das obrigas de establecer limitacións nos seus ámbitos municipais, é dicir, que se poidan romper os perímetros de salvagarda. Pero non podo asegurar se todas as cidades poden estar nesta última situación", expresou.

Feijóo tamén lle dixo a Ojea que as 19.000 mortes por coronavirus que calcula o Instituto Nacional de Estatística por riba das que declara o Goberno son "dramáticas" e que alguén vai ter que responder delas.

"Eu supoño que cando pase todo isto miraremos as responsabilidade de cadaquén, pero esta diferenza do 68 por cento dos datos do Ministerio de Sanidade é unha diferenza non admisible nunha democracia", afirmou Feijóo.

Noticias web

13/12/2020