Feijóo afirma que a suspensión de AstraZeneca é por motivos de "precaución" e "prudencia"
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo mostrouse convencido este luns de que a inmunización da poboación coas vacinas elaboradas por AstraZeneca seguirá "máis pronto que tarde".
En declaracións aos medios tras recibir o equipo de fútbol sala Pescados Rubén Burela FS, indicou que a suspensión decidida no Consello Interterritorial de Saúde "ten un período inicial de quince días" e fíxose por un criterio de "precaución" e de "prudencia", do mesmo xeito que noutros países europeos.
"Espero e desexo que pronto se despexen as dúbidas sobre algún efecto secundario que produce a vacina. O que sabemos é que os efectos secundarios están medidos, non hai unha mensaxe de preocupación coa información que temos ata o de agora", indicou Núñez Feijóo, que sinalou que as persoas que recibiron esta vacina están localizadas e faráselles un seguimento.
Na súa intervención dixo tamén que é unha "mágoa" esta suspensión temporal, xa que Galicia comezou a usar esta vacina para a poboación xeral entre 50 e 55 anos durante a fin de semana. Previamente usouna con profesores e outros colectivos non esenciais ata 55 anos.
A Consellería de Sanidade lembra nun comunicado que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada e sinala que ata o momento non se produciu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave.