CRTVG

Buscar

Feijóo advirte de que unha transición enerxética abrupta deixará "miles de traballadores no camiño"

Publicado o 30/10/2019 12:58

As obrigas dun político, di o presidente da Xunta, son dicir a verdade e garantir a estabilidade. E neste caso comparou a situación de Galicia con Cataluña. "O futuro da nosa nación consiste entre a discordia crónica que parece terse instalado na política catalá e a concordia natural que se practica aquí e que nos ten permitido crear un hábitat propicio para a iniciativa empresarial", afirma Feijóo.

No caso da verdade, chamou a non tropezar na mesma pedra de negar as dificultades económicas e pediu solucións para a industria enerxética. "Unha cousa é a transición ecolóxica e outras os bandazos ecolóxicos. Os bandazos nunca crean empregro; crean pobreza", asegura o presidente.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mércores das consecuencias de poñer en marcha unha transición enerxética "abrupta", en lugar de facelo de modo gradual, xa que "no camiño poden quedar miles de traballadores e de familias e boa parte da competitividade" da economía galega.

Durante a súa intervención na inauguración da sexta edición da xornada O mundo que vén, organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o presidente galego defendeu que a Xunta seguirá traballando para "dar resposta ás necesidades que depara o futuro", segundo indica o Goberno galego nunha nota.

"As Pontes, Alcoa e outro etcétera que compoñen uns 10.000 postos de traballo da industria galega saben do que falamos”, asegurou Núñez Feijóo, que defendeu que dirixirse a eses traballadores "ten que significar falarlles de oportunidades e de emprego, non de peche sen máis alternativas".

Segundo o titular da Xunta, tanto no asunto enerxético como en calquera outro asunto económico é imprescindible "a verdade", xa que "debuxar un futuro feliz en que non se teñan en conta as consecuencias da desaceleración é un erro no que xa caemos e do que aínda non nos recuperamos de todo".

En calquera caso, asegurou que Galicia "goza dunha cultura política afastada de fantasías e asentada na realidade, en que participaron gobernos de partidos diferentes", recoñeceu.

"Nese mundo que vén Galicia ten un lugar porque llo está gañando coa súa laboriosidade, creatividade e porque aposta pola estabilidade", asegurou.

Entre outras medidas para encarar os retos de futuro e afrontar os cambios que se están producindo, Núñez Feijóo anunciou a posta en marcha, nas próximas semanas, dunha estratexia loxística para que Galicia sexa "máis áxil en todas as necesidades que hai nesta área; para que os retos derivados da internacionalización das cadeas de subministración, dos cambios tecnolóxicos ou das novas pautas de consumo teñan unha resposta". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí