CRTVG

Buscar

Federer convértese no home que máis veces logrou o torneo de Wimbledon

Publicado o 16/07/2017 17:02
Federer convértese no home que máis veces logrou o torneo de Wimbledon

Ao grande, cun "ace" que puxo en pé a pista central, Federer volveu facer o que parecía imposible: seguir agrandando a súa lenda ao sumar o décimo noveno gran "slam" do seu palmarés. Unha vez máis, e xa van oito, o helvético volveu estampar os beizos na copa dourada. Ningún tenista lograra antes unha xesta así. Roger rompeu a igualdade que mantiña con Pete Sampras e pulverizou o récord que ambos compartían con sete títulos de Wimbledon na era open.

Esta temporada o suízo apostou forte pola herba de Londres. Renunciou a Roland Garros co obxectivo de chegar a punto para Wimbledon; título que non gañaba dende a final de 2012 fronte a Andy Murray. Na deste ano volveu despregar brillantez ante un rival que chorou desesperado ao termo do terceiro xogo do segundo "set". Cilic, prexudicado por unha bocha na planta do pé esquerdo estivo a piques de non volver á pista. O croata intentou manter o tipo pero Federer xa estaba decidido a asinar o segundo "major" da temporada co conquistado en Australia.

"Wimbledon foi sempre o meu torneo favorito e serao sempre porque os meus heroes camiñaron estas terras; porque camiñaron estas pistas; e por eles convertinme en mellor xogador tamén", dixo o vencedor da edición de Wimbledon deste ano.

Roger Federer, que fai 36 anos o vindeiro mes, gañou Wimbledon sen ceder un só "set". Algo que só lograra en Australia 2007.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2017