Febreiro histórico en canto ás precipitacións, que incluso triplican os rexistros de anos pasados
Aínda non chegamos á metade de febreiro e na maioría da fachada atlántica galega xa choveu máis que o normal de todo o mes, nalgúns lugares mesmo se triplican xa os rexistros. Aproveiten cada hora de respiro que nos dá o ceo porque non ha tardar moito en volver caer auga.
Nada que ver o paseo que se pode dar hoxe á beira do Atlántico coa situación dos últimos días, sobre todo no oeste das provincias da Coruña e Pontevedra.
O xa familiar termo do tren de borrascas puxo este ano a locomotora a funcionar arreo e foi deixando, en canto marcharon os Reis Magos, unha sucesión de temporais que son típicos deste tempo en Galicia, aínda que o anticiclón adoita facerlles fronte e paralos de cando en vez. Nesta ocasión, ata hoxe, non foi así, e, cando aínda non chegamos á metade do mes, os pluviómetros xa suman máis litros que nun febreiro completo considerado normal.
Como exemplo, un percorrido de norte a sur reflicte, nos últimos 11 días, 109 litros por metro cadrado acumulados na Coruña, tres veces máis que en todo febreiro do ano pasado. Santiago xa suma 223 litros e no monte Muralla de Lousame caeron máis de 400. Fornelos de Montes conta xa 360 e no campus de Vigo acumúlanse 162 litros en menos de dúas semanas.
Así as cousas, as enchentes e desbordamentos nos ríos multiplicáronse nas últimas horas. Nos grandes, como o Miño, e noutros como o Ulla ao seu paso por Pontevea, ou o Umia, en Caldas de Reis.
E se os ríos rebordan, os encoros galegos van sobrados. Tanto, que este de Belesar, na provincia de Lugo, superou o 90 por cento da súa capacidade e tivo que abrir comportas para aliviar a presión da auga. Nos Peares tamén tiveron que abrir. E esta era a forza coa que baixa a auga na presa Barrié de la Maza, entre Negreira e Brión.
A cousa cálmase hoxe e durante os vindeiros días, que serán húmidos e con algo de chuvia, pero moita menos. O feito de que o aviso de vento en terra non chegara a laranxa fixo que ningunha destas últimas borrascas tivera grande impacto para as axencias internacionais de meteoroloxía.
Ás cinco que foron 'bautizadas' no mes de xaneiro aínda non lles sucedeu ningunha digna de levar nome. Karim, que así se chamará a próxima, terá que esperar.