CRTVG

Buscar

España recomenda non viaxar aos países con máis casos de coronavirus

Publicado o 25/02/2020 22:04

• O protocolo acordado entre Sanidade e as comunidades establece que os casos leves poderán seguirse nos domicilios

• Faranse probas a doentes con pneumonía xa ingresados

Os casos leves de coronavirus poderán seguirse nos domicilios, e realizarase probas para detectar o virus ás persoas con pneumonía ingresadas nos hospitais. Isto acordou o Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), convocado de forma extraordinaria polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, como consecuencia da evolución que está a ter o virus, especialmente despois de que en Italia se declarara un brote que afectou a máis de 300 persoas e ocasionou a morte doutras once.

Estas dúas medidas están previstas no novo protocolo elaborado polo Ministerio de Sanidade e aprobado polas comunidades autónomas, no cal tamén se sinala que os cidadáns das zonas italianas de Lombardía, Piemonte, Emilia-Romaña e Véneto, e tamén os de Xapón, Irán, Corea do Sur e Singapur, serán considerados pacientes de risco. Ademais, acordouse non recomendar, "pero non prohibir", viaxar a estas zonas e solicitar ás persoas españolas que estean alí que atendan ás autoridades sanitarias do país.

"Conforme á evolución que apreciamos en Italia, Irán e Corea do Sur, decidimos actualizar a definición de caso, as zonas de risco en liña co que se discutiu na reunión do Centro Europeo de Control de Enfermidades. Desta maneira, todas as persoas que presenten síntomas gripais e que nos 14 días anteriores a esta presentación de síntomas estivesen nesta zona de risco, deberán ser consideradas como caso e terán que contactar cos servizos de saúde e someterse a unha proba para confirmar ou descartar o virus", explicou Illa.

Ao mesmo tempo, aquelas persoas que teñan unha infección respiratoria aguda serán consideradas sospeitosas ou 'casos en investigación', coa condición de que estivesen nas zonas de risco nos 14 días previos ao comezo dos síntomas ou tivesen contacto cun caso confirmado ou en estudo. Os contactos téñense en conta no caso de quen proporcionase coidados a outra persona con síntomas, sospeitosa ou confirmada con coronavirus. Por exemplo: traballadores sanitarios, familiares ou outros que tivesen contacto físico, e aqueles que estivesen no mesmo lugar que un caso probable ou confirmado con síntomas.

"Aconsellamos que o primeiro contacto sexa telefónico, porque é moito máis aconsellable e cómodo chamar e, moitas veces, a toma de mostras poderá facerse no domicilio. Isto é moito máis práctico desde todos os puntos de vista, e máis cómodo. Así mesmo, queremos reforzar todas as medidas tendentes a mellorar a detección precoz e aumentar a sensibilidade do sistema sanitario para mellorar o diagnóstico.

"Son medidas que demostraron ser eficaces", aseverou o ministro, e detallou que se vai ampliar a información aos viaxeiros nos portos e nos aeroportos. Tamén se prepararán pezas informativas para difundir nos avións que aterren en España, com medidas básicas de prevención e recomendacións, especialmente naqueles que procedan de zonas de risco.

Illa pide non caer no alarmismo

Neste sentido, Illa negou que se vaian implantar outras iniciativas adicionais, como, por exemplo, controlar a temperatura aos viaxeiros. "Actualmente non son necesarias máis medidas", resaltou. Dito isto, o ministro de Sanidade lembrou que as tres persoas que actualmente hai infectadas co novo coronavirus en España, dúas en Tenerife e unha en Barcelona, contaxiáronse en Italia e que por tanto "non se produciu" ningunha transmisión dentro do territorio español. Así, resaltou o compromiso dos profesionais sanitarios e informou de que o Ministerio vai duplicar as reunións do Comité de Seguimento do Coronavirus, que ata agora se reunía unha vez ao día.

"Imos seguir facendo un seguimento permanente e diario da situación para adoptar calquera medida adicional que sexa necesaria, guiados polo principio básico de garantir a protección da saúde da poboación", sentenciou Illa, tras reiterar a mensaxe de "confianza" no Sistema Nacional de Saúde porque "está preparado" para facer fronte ao coronavirus. Respecto ao desabastecemento de máscaras que está a ocorrer en moitos centros comerciais de España, o ministro de Sanidade asegurou que todos os centros hospitalarios e sanitarios contan con máscaras e que "non é necesario" que a poboación vaia con máscaras pola rúa, polo que pediu "non caer no alarmismo".

Pola súa banda, os conselleiros autonómicos celebraron, en declaracións aos medios ao finalizar o encontro, a pertinencia da celebración deste CISNS monográfico sobre coronavirus para actualizar e homoxeneizar protocolos entre todas as zonas de España ante a aparición de posibles contaxios. Por exemplo, o conselleiro de Madrid, Enrique Ruíz Escudero, destacou que a recomendación de non viaxar á zona norte de Italia a menos que sexa estritamente necesario é unha "decisión bastante sensata". "Foi un CISNS importante desde o punto de vista informativo, é bo que vexamos como vai evolucionando este brote. Temos que seguir actuando de forma común como Sistema Nacional de Saúde, e as recomendacións deben facerse exactamente igual en todas as CCAA", expresou.

Igualmente, o conselleiro andaluz, Jesús Aguirre, mandou unha mensaxe de "tranquilidade" no Servizo Andaluz de Saúde. "Andalucía está perfectamente preparada. Temos que tomar as medidas oportunas, estamos preparados e está todo coordinado. O noso sistema sanitario está preparado para calquera continxencia que veña", asegurou. Nesta mesma liña, o conselleiro asturiano, Pablo Fernández Muñiz, manifestou que Asturias está "preparada" ante a eventualidade de que poida chegar algún caso. "O protocolo está a funcionar", proclamou. Así, sinalou que se actuou "adecuadamente" co caso negativo da moza de 25 anos que ingresou este luns no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA)."Actuou de maneira exemplar, xa desde o principio advertiu da súa situación, iso favoreceu que se puidese facer todo con fluidez e adecuadamente", engadiu.

Sobre o encontro, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, resaltou que a reunión era "necesaria" para mellorar a coordinación entre todas as administracións sanitarias. "Queremos transmitir tranquilidade, está a facerse un moi bo labor coa coordinación xeral do Ministerio", apuntou. Tamén cualificou como "necesario" o cambio na definición de casos para incorporar posibles contaxios desde outras zonas, ademais da China.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020