CRTVG

Buscar

Familiares e veciños do mozo asasinado en Salceda saen á rúa para reclamar xustiza

Publicado o 21/06/2019 21:19

Convocados pola familia do mozo acoitelado en Salceda de Caselas, os veciños concentráronse esta tarde. Piden que o crime non quede impune despois de que quedara libre o detido inicialmente como sospeitoso.

Quedou en liberdade ao apreciarse un posible erro na súa identificación. Na concentración, nesta praza de Salcedas, moi próxima a onde ocorreron os feitos, pediuse xustiza, que se atope o culpable e se resolva o caso. Esta mesma semana, un portavoz do pai do falecido, manifestaba que non lle interesaba que ningún inocente estivese preso, pero si que buscasen o culpable da morte do seu fillo.

A posta en liberdade deste home, veciño de Salceda de Caselas e coñecido como o Alemán, dá un xiro radical na investigación do crime. Era o único sospeitoso do asasinato a puñaladas á saída dun local de ocio da localidade acontecido na madrugada do 8 de xuño. Fora identificado por unha testemuña que máis tarde aclarou que só vira un home loiro, de costas e con acento alemán ou ruso. Segundo fontes próximas ao alemán, Jurguen foi criado na Louriña e fala galego e castelán á perfección. Mentres estivo no cárcere da Lama, familiares e amigos clamaban pola súa inocencia.

Tras derrubarse a identificación da testemuña que apuntaba ao alemán, a resolución do caso non parece ter un final nin fácil nin rápido. Desbotados os celos ou o axuste de contas como posible móbil do crime, as primeiras pescudas apuntan ao encontrón dunha noite de festa con final fatal. A investigación preséntase laboriosa porque se reduce aos interrogatorios das testemuñas, xa que na zona non hai cámaras de seguridade que puideran gravar o agresor. Tampouco axuda que non se atopase a arma coa que se cometeu o crime. Porén, a investigación continúa aberta e a familia da vítima esixe tanto na rúa coma nos xulgados que o crime non quede impune.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019