CRTVG

Buscar

Día das Persoas Desaparecidas: Elías falta desde hai case oito anos

Publicado o 09/03/2021 14:05

Son moitos os que, por desgraza, desaparecen sen deixar rastro, transformando nun auténtico inferno a vida dos seus achegados. Hoxe, Día das de Persoas Desaparecidas sen Causa Aparente, lembrámonos de Elías Carrera, o taxista ourensán desaparecido, misteriosamente, vai para 8 anos.

Elías foi visto por última vez o 18 de xullo de 2013. Aquel día, este taxista ourensán, que daquela tiña 61 anos, xantou coas súas fillas e dirixiuse á estación de tren. Alí, alugou un coche, que entregou 3 horas despois en Vigo. E esa é a última pista fiable que hai del.

Sandra Carrera, filla do taxista desaparecido: "Nós seguimos na busca porque non sabemos nada del e é o noso pai, temos que buscalo ata atopalo. A causa segue aberta, seguen investigando, pero o tempo pasa e complícase todo moito máis".

Oito anos despois, a súa familia, muller e dúas fillas, seguen na súa procura. Tamén figura nas listaxes da Interpol e da Europol, para estender a busca máis alá de España e Portugal, onde se concentrou nun primeiro momento.

Elías atravesaba unha mala época, depresivo, pero nada que activara as alertas da familia.

Sandra Carrera, filla do taxista desaparecido: "Notámonos coas mans atadas, porque poñemos carteis... pero vemos que non solucionamos nada".

En Galicia hai arredor de 200 casos activos de desaparecidos, segundo o Ministerio do Interior. Os familiares piden que se intensifiquen os recursos desde o primeiro momento.

Sandra Carrera, filla do taxista desaparecido: "Que se poñan máis medios, que se están facendo cousas pero hai que facer moitas máis. Somos moitos desaparecidos e hai que buscalos ata atopalos".

A plataforma SOS Desaparecidos difunde en redes sociais os avisos. Unha rápida reacción, din, é fundamental, así como a dotación de recursos humanos e materiais.

Noticias web

09/03/2021