CRTVG

Buscar

Bruno Bello: "Hai moitas contradicións na versión policial sobre a morte de meu irmán que son facilmente desmontables"

Publicado o 14/02/2020 11:05

A familia de Diego Bello non vai parar ata que consiga ter unha explicación e coñecer a verdade do que aconteceu nas Filipinas arredor da súa morte. Esta mañá reúnense co delegado do Goberno en Galicia e o seu irmán Bruno aseguraba no Bos días: "Esperemos que nos poida avanzar algo de como van as investigacións".

"Temos pouca información, estase levando de maneira confidencial para non contaminar esa investigación, e estamos nun punto no que temos que agardar", dixo Bruno Bello, que está convencido de que esa investigación pode acabar por desmontar a versión do Goberno e a policía das Filipinas. "Hai moitas contradicións que son facilmente desmontables e sobre iso traballamos en que a versión policial é totalmente falsa e ninguén que coñecese a meu irmán se cre iso", indicou.

"Eu non creo que meu irmán estivese relacionado cun tema de drogas. Nós temos que intentar desmontar esa versión e creo que temos capacidade para facelo", afirmou.

Ademais da reunión co Delegado do Goberno, esta tarde tamén realizarán unha concentación ás oito da tarde fronte ao Obelisco da Coruña para "intentar facer un pouco máis de forza e darlle ás grazas a toda esa xente que temos detrás".

Bruno Bello explicou que están en contacto coa familia de Xosé Couso para coñecer como levan o caso do cámara ferrolán asasinado en Bagdad: "O seu caso foi un caso moi delicado. Recentemente houbo unha sentenza contra o Goberno español por deixamento de funcións e esperemos non ter que chegar a iso. Queremos que o Goberno se implique desde o principio, como o está a facendo a Xunta e o Concello da Coruña".

Finalmente, Bruno Bello dixo que co paso das semanas a familia está algo mellor de ánimo e no que se centran nestes momentos é na loita por saber que ocorreu nas Filipinas. "Non imos deixar de pelexar nunca", concluíu.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020