CRTVG

Buscar

Falsa alarma no centro británico do Castro: todos os traballadores dan negativo

Publicado o 07/09/2020 17:44
Falsa alarma no centro británico do Castro: todos os traballadores dan negativo

As probas PCR practicadas aos 20 profesores do colexio O Castro British School de Vigo que nos tests serolóxicos deran positivo por coronavirus, e que por tal motivo atrasou o inicio do curso escolar, previsto para este luns, deron un resultado negativo, confirmaron fontes do centro.

Os tests serolóxicos forman parte do protocolo do que se dotou o grupo ao que pertence este colexio, Globe Educate, para afrontar o arranque do novo curso. Como medida de precaución, ao longo da xornada de hoxe procedeuse á desinfección do centro.

O equipo directivo traballa para que o alumnado poida incorporarse de forma presencial esta mesma semana de forma graduada. Así pois, o mércores farano os alumnos de secundaria e bacharelato e o xoves, os de infantil e primaria.

O director do colexio, Dominic Abbott, traslada "unha mensaxe de tranquilidade", non só á comunidade educativa deste centro senón "á sociedade viguesa no seu conxunto que puido chegar a sentir inquedanza polas noticias publicadas nos últimos días, e que finalmente rematou cun 100% de falsos positivos". 

Noticias web

07/09/2020