CRTVG

Buscar

Falla o sistema informático de Scytl no simulacro de reconto de votos para o 26M

Publicado o 12/05/2019 21:08

A quince días das eleccións municipais e europeas, o sistema de reconto de votos para as eleccións do 26-M fallou esta fin de semana nun simulacro do proceso. O erro informático coincide cun cambio da empresa que se fai cargo do reconto. Trátase da compañía Scytl, que xa fora noticia hai pouco cando un grupo de expertos conseguiron entrar no seu programa de votación por Internet, poñendo de manifesto a vulnerabilidade do sistema. Os erros xa foron notificados ao Ministerio do Interior.

Segundo publican varios medios, o sistema informático de reconto de votos para as eleccións municipais, autonómicas e europeas fallou onte nun simulacro do proceso. Unha tarefa completamente informatizada e realizada a través dunha aplicación móbil.

Os encargados do reconto foran convocados este sábado para ese simulacro, que inclúe o escrutinio en cada mesa electoral da participación e da votación dos electores, pero o sistema non conseguiu funcionar en diferentes puntos do país.

O erro coincide cun cambio da empresa que se fai cargo do reconto. Nas eleccións xerais foi Indra e nos comicios do 26-M será a empresa barcelonesa Scytl, tras facerse co concurso.

Esta compañía está especializada no desenvolvemento de software de seguridade para votacións electrónicas... E xa fora noticia hai uns días... Un grupo de expertos informáticos lograron entrar no seu sistema de votación por Internet de Suíza, demostrando que pode ser modificado.

O Ministerio do Interior xa foi informado dos erros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/05/2019