Falecen sete persoas nun día cun descenso en casos activos e novos contaxios
• O total de falecidos por mor do virus en Galicia ascende a 736
• Na área sanitaria da Coruña, os casos activos sitúanse por debaixo dos mil

O Sergas comunicou nas últimas horas o falecemento de cinco persoas que foran diagnosticadas por coronavirus.
Trátase dun home de 85 anos que estaba ingresado no CHUAC e outro varón de 67 anos tamén ingresado no CHUAC, un varón de 78 anos falecido no Hospital privado HM Modelo da Coruña, e dun varón de 78 anos falecido no CHUS.
Ademais, faleceu unha muller de 92 anos procedente da residencia Ballesol de Oleiros e que estaba ingresada no CHUAC.
A estas mortes súmanse outras dúas notificadas na mañá deste luns. Un deles é un home de 61 anos, ingresado no HULA, que presentaba patoloxías previas.
Ademais, Sanidade informa dun falecemento na residencia de maiores Las Salinas, en Ourense, na xornada de onte.
Cos sete falecementos notificados hoxe, o total de vítimas mortais en Galicia dende o inicio da pandemia ascende a 736 persoas.
Por outra banda, a comunidade rexistra este luns 4.353 casos activos, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 79 casos activos menos ca onte.
Por outra banda, hai 141 novos contaxios.
ÚLTIMA HORA | Falecen dúas persoas nun día cun descenso en casos activos (-76) e o aumento de contaxios (+141). É a maior baixada de casos activos dende o 12 de xuño e a menor suba de contaxios dende o 18 de agosto. Máis en https://t.co/Qw62o6Scn6 pic.twitter.com/oWNK8fwjmD
— G24 (@G24Noticias) September 28, 2020
O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias é o seguinte:
• A Coruña: 999 (-47)
• Lugo: 552 (-37)
• Ourense: 743 (+15)
• Pontevedra: 811 (-15)
• Vigo: 512 (=)
• Santiago: 583 (+6)
• Ferrol: 153 (-1)
No tocante ás hospitalizacións, hai 32 persoas na UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.111 en seguimento domiciliario. A cifra total de curados ascende a 18.534 e realizáronse 469.694 probas PCR.