CRTVG

Buscar

Falecen dous octoxenarios ao bater o seu turismo cun camión en Mesía

Publicado o 04/07/2019 19:37

Dous anciáns de 82 e 84 anos de idade morreron este mediodía nun accidente de tráfico en Mesía. A Garda Civil aínda non pode determinar as causas do accidente, pero a furgoneta na que ían os dous anciáns invadíu o carril contrario e colisionou frontalmente contra un camión. Ocorreu na estrada nacional 634 á altura de Mesía, nunha recta con ampla visibilidade. 

É unha recta con boa visibilidade e co firme en bo estado. Sobre a unha e media da tarde, unha furgoneta saíu do carril polo que circulaba e foi bater frontalmente contra un camión que ía en sentido contrario. Outro camión tamén se viu involucrado e acabou danado. Os dous camioneiros saíron ilesos do sinistro, pero a furgoneta quedou desfeita, e o condutor e a acompañante, de 84 e 82 anos de idade, morreron ao instante coa forza do impacto.

O Garda civil de Tráfico Héctor Teixeira explíca que "foi un accidente mortal. É unha estrada que en principio non representa ningún perigo, é unha recta con boa visibilidade e condicións meteorolóxicas boas. Estamos investigando polo equipo de atestados cal é a causa de que invadira o sentido contrario"

Os falecidos quedaron atrapados no interior do vehículo. Trátase de dous anciáns con residencia na Coruña que viaxaban nunha furgoneta de moitos anos de antigüidade. O tráfico sufriu cortes durante aproximadamente dúas horas, mentres traballaban na zona a Garda Civil de Tráfico, o GES de Curtis e os servizos de limpezas de estradas. Tamén se desprazou ao lugar unha ambulancia, pero xa non puido facer nada polas vítimas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/07/2019