CRTVG

Buscar

Falecen cinco compañeiros de traballo nun accidente de tráfico en Utrera

Publicado o 07/02/2019 22:07

Así quedou a furgoneta en que viaxaban os falecidos, cinco empregados dunha empresa de montaxe e mantemento de redes ferroviarias que volvían á súa casa da localidade sevillana de Las Cabezas despois de traballar en Loja, Granada. Sucedeu arredor das seis da mañá. Varias testemuñas chamaron a Emerxencias para alertar dunha colisión entre un camión e un turismo nesta estrada de Utrera.

"Está a Garda Civil realizando todas as investigacións pertinentes para ter clara a secuencia do accidente", di o delegado do Goberno en Andalucía.

Os primeiros indicios apuntan a que o camión invadiu o carril por onde circulaba a furgoneta. A Garda Civil terá que interrogar o condutor para saber os motivos. Podería ser acusado de cinco delitos de homicidio imprudente. De momento, permanece ingresado con varios traumatismos.

Mentres, os cadáveres dos cinco traballadores foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal de Sevilla para facerlles a autopsia. Todos son do concello sevillano de Las Cabezas de San Juan. O máis novo tiña 19 anos e o máis vello 49. O Concello ofreceulles ás familias velalos en lugares distintos.

"Son cinco familias distintas, xestionarán isto dunha maneira distinta e non é conveniente telos todos xuntos, uns á beira dos outros, porque podemos estar xerando máis prexuízos ca outra cousa", di o alcalde.

O Concello decretou tres días de loito polas vítimas deste accidente, o máis grave das últimas décadas en Sevilla.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/02/2019