CRTVG

Buscar

Falecen catro usuarios de residencia en Galicia, todos na provincia de Ourense

Publicado o 13/10/2020 12:26

• Tres eran orixinarios da residencia Val de Monterrei e un dos Gozos (O Pereiro de Aguiar) | • Os novos contaxios en Galicia baixan a 239, despois de catro xornadas seguidas por riba dos 300

Falecen catro usuarios de residencia en Galicia, todos na provincia de Ourense

Falecen catro persoas en Galicia por coronavirus nas últimas horas, segunda a última actualización do Sergas. Todas eran usuarias de residencias de maiores da provincia de Ourense.

Dous dos falecidos, de 80 e 88 anos e orixinarios da residencia de Val de Monterrei, finaron no Hospital de Verín. As outras dúas vítimas faleceron en residencia: unha muller de 89 anos na residencia de maiores dos Gozos (Pereiro de Aguiar) e un home de 88 anos na residencia de maiores Val de Monterrei.

No que vai de pandemia, faleceron 790 persoas en Galicia.

Seguen aumentando os casos activos, sobre todo en Ourense

Ourense segue a encabezar o crecemento de casos activos no país. Da suba de 100 casos nas áreas con saldo positivo, 51 son de Ourense. Descenden en 64 casos, porén, no conxunto da Coruña, Pontevedra e Ferrol, deixando un balance global en Galicia de 36 casos máis ca onte.

Os novos contaxios baixan ata os 239, logo de catro xornadas por riba dos 300.

Indo área por área:

• Ourense: 1.563 (+51)

 • A Coruña: 745 (-21)

• Santiago: 624 (+3)

• Vigo: 496 (+29)

• Lugo: 477 (+17)

• Pontevedra: 469 (-42)

• Ferrol: 136 (-1)

Outro dato significativo é o número de PCR realizadas, que cae ás 3.383, o número máis baixo no último mes, e contrasta con algunhas das cifras récord da semana pasada. Destas, segundo os datos facilitados polo Sergas, deron positivo 238, o que representa un 7,04% de positividade.

Hospitalizacións

Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI (+1), 210 en unidades de hospitalización (+12) e 4.260 no domicilio (+23). Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.123 persoas curadas (+199).