CRTVG

Buscar

Falecen 10 persoas nas últimas horas pola covid-19 e os ingresos na UCI chegan ao cento

Publicado o 14/11/2020 15:11


Catro das vítimas mortais rexistradas onte faleceron no complexo hospitalario da Coruña. En Santiago finou unha muller que procedía da residencia Santa Olalla de Boqueixón e no hospital do Salnés outra anciá da residencia DomusVI Ribadumia. A vítima rexistrada en Vigo foi un home do xeriátrico de Salvaterra do Miño e unha anciá faleceu na residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás. As outras dúas vítimas morreron nos hospitais de Ferrol e de Monforte.

En canto á situación hospitalaria, as UCI galegas chegan aos 100 ingresos, a cifra máis alta desta segunda vaga, mentres que o número de pacientes hospitalizados en planta descende, con 26 ingresados menos. Os casos activos soben ata os 9.554, e hai 8.986 persoas que pasan a enfermidade na casa.
A área que máis presión hospitalaria soporta segue sendo a da Coruña, aínda que Vigo con 26 ingresados en coidados intensivos é nestas últimas horas a que máis pacientes graves ten.

En canto ao número de contaxios detectados, volve subir nas últimas 24 horas á par que aumentan tamén o número de PCR feitas durante a xornada de onte, que superaron as 9.000.

A área sanitaria de Vigo acumula case un terzo dos casos novos con 214 confirmados por PCR, unha cantidade similiar á da xornada anterior.
Lugo rexistrou onte unha suba importante de casos, con 114 positivos, unha cifra que non se daba desde finais de outubro. Na Coruña descenden algo os positivos detectados, Pontevedra mantense arredor dos 60 dos últimos días, Santiago descende aos 52, Ferrol con 50 rexistra o dato máis alto desta semana e Ourense ten agora a cifra máis baixa de todas as áreas con 43 novos.

Noticias web

14/11/2020