Falece Xosé Manuel Díaz Maseda, un dos xornalistas históricos da TVG
• Actual coordinador de Informativos de TVG, foi unha das primeiras caras da Galega o 24 de xullo de 1985 no inicio das emisións
• Informou como enviado especial para a Galega dos principais acontecementos e retransmisións dos últimos 35 anos
O xornalista da Televisión de Galicia Xosé Manuel Díaz Maseda faleceu este mércores en Santiago de Compostela despois de sufrir un grave accidente de tráfico o venres pasado.
Xornalista e licenciado en Dereito, Díaz Maseda era un dos profesionais máis recoñecidos pola audiencia da Televisión de Galicia desde os seus inicios. O 24 de xullo de 1985 arrancaron as primeiras emisións da canle galega, e Maseda foi unha das caras que aquel día deron a benvida aos espectadores do novo medio público.
Vinculado desde entón á redacción da TVG, e sentindo sempre o orgullo de pertenza ao servizo público de comunicación de Galicia, Díaz Maseda foi editor e presentador de informativos, e redactor xefe de Informativos entre 2009 e 2017. Actualmente, era coordinador de Informativos de Televisión de Galicia e cada día daba conta da última hora desde a redacción, con entradas en directo nos programas da mañá.
Especializado en retransmisións e directos, Díaz Maseda foi enviado especial a innumerables acontecementos dentro e fóra do país. Entre outros, os actos do 25 de xullo, as campañas electorais autonómicas, xerais e europeas, as sesións constitutivas do Parlamento de Galicia e sesións de investidura, ou emerxencias como o accidente do barco Discoverer Enterprise que destruíu no 1998 a ponte das Pías en Ferrol e desde onde informou en directo. Tamén, as retransmisións da Semana Santa galega e a cobertura de distintas viaxes de cooperación. Nestes días, preparaba a retransmisión da apertura da Porta Santa o día 31 de decembro.
Así mesmo, Xosé Manuel Díaz Maseda era representante de CRTVG nas comisións de Informativos de FORTA, a rede de televisións autonómicas públicas, nas que era un membro especialmente valorado pola súa veteranía e traxectoria.
Natural de Cedeira (A Coruña), pai dun fillo e unha filla e membro activo da Asociación Troyanos de Compostela e da súa tuna, Maseda será lembrado por todos os seus compañeiros, a Dirección e os profesionais dos medios públicos galegos, que lamentan esta perda e envían o seu pesar e cariño aos seus fillos e familia.