Falece Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda e Administración Pública
• Nacido en 1961 en Cangas, Martínez era o máximo responsable das contas públicas galegas desde febreiro de 2015
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, faleceu este mércores aos 60 anos.
Segundo informan fontes do Goberno galego, o falecemento produciuse a causa dunha parada cardiorrespiratoria, mentres se encontraba traballando no seu despacho.
Nacido en 1961 en Aldán (Cangas), Valeriano Martínez estaba casado e tiña un fillo. Ostentaba a carteira de Facenda desde febreiro de 2015. Tomou nese momento a remuda de Elena Múñoz.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago, Valeriano Martínez era tamén diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria. De feito, entre outras responsabilidades, fora director xeral de Recursos Humanos do Sergas.
Valeriano Martínez tamén ocupou os postos de dirección xeral de Transporte, auditor do Consello de Contas de Galicia e secretario xeral da Presidencia da Xunta. Foi dúas veces elixido deputado no Parlamento de Galicia.
Tras coñecerse a noticia do falecemento, o presidente da Xunta e os conselleiros decidiron suspender todos os actos que tiñan previstos nas súas axendas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, diríxase cara a Vigo para asistir a feira Conxemar pero anulou a visita ao coñecer a noticia.
Na súa conta de Twitter, o presidente da Xunta expresaba o seu pesar polo pasamento do conselleiro. Fala de Valeriano como "unha das persoas máis brillantes que coñecín" e "servidor público extraordinario".
Nada prepara na vida para afrontar algo como o que vivimos hoxe. Unha das persoas máis brillantes que coñecín. Leal amigo e compañeiro dende que entramos na Xunta, alá por maio do 85. Servidor público extraordinario, tivo dúas familias: a súa e Galicia. Grazas a todos polo cariño pic.twitter.com/6tibGRpO25
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) October 6, 2021
O Goberno galego enviou as condolencias á familia e amigos de Valeriano Martínez, ao que lembraron como un traballador público "que sempre estivo ao servizo do pobo de Galicia". No edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, as bandeiras penden a media hasta.
Ao saberse o seu falecemento, sucedéronse as mostras de condolencia. No Partido Popular de Galicia destacan del o baleiro persoal que deixa.
Hoy Galicia pierde a un servidor público ejemplar. Nosotros, a uno de los nuestros. Deja un importante legado político pero, sobre todo, un gran vacío personal. Todo nuestro cariño a sus seres queridos y nuestro respeto hacia un amigo que se ha ido trabajando por los gallegos.
— PP de Galicia (@ppdegalicia) October 6, 2021
Desde os partidos da oposición, tanto a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresaron o seu pesar polo pasamento de Valeriano Martínez.
As miñas condolencias á familia e amizades de Valeriano Martínez, nun momento de conmoción e tristura compartida. Un abrazo tamén a súa familia política, ao PP, que vive hoxe un día de loito.
— Ana Pontón (@anaponton) October 6, 2021
Conmocionado e triste polo inesperado falecemento do conselleiro de Facenda. O meu máis sentido pésame á súa familia, ao goberno de Galicia e a todo o PP
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) October 6, 2021
Tamén no Congreso se gardou un minuto de silencio na súa memoria. A iniciativa partiu do presidente da comisión, Celso Delgado, que comunicou a "triste noticia" aos parlamentarios e destacou que era "un servidor público" coñecido por todos pola súa labor á fronte de Facenda desde o 2015.
O delegado do Goberno en Galicia trasladoulle á Xunta as súas condolencias en nome do Executivo central e enviou tamén todo o seu agarimo á familia e amigos de Martínez. Tamén Yolanda Díaz colgou no seu perfil de Twitter un chío no que envía as súas condolencias á familia do conselleiro.
Con fonda consternación coñecemos hoxe o pasamento do conselleiro de Facenda da @Xunta, Valeriano Martínez.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) October 6, 2021
Dicímoslle adeus a un home dialogante, exemplar na entrega ao servizo público. O meu pesar á súa familia e achegados e ás súas compañeiras e compañeiros do @ppdegalicia.