Morre un home de 34 anos en Abadín ao impactar co seu coche contra unha casa
Unha saída de vía por parte dun turismo rematou coa morte do condutor. Sucedeu no quilómetro 608 da estrada N-634, á altura da parroquia de San Pedro de Candia, en Abadín.
O falecido, de 34 anos e veciño deste concello chairego, dirixíase ao seu traballo en Mondoñedo cando o seu coche se desviou da traxectoria e acabou esnafrándose contra unha vivenda.
Debido á gravidade das lesións, o 061 mobilizou un helicópero medicalizado, pero finalmente os sanitarios só puideron certificar a morte da vítima do accidente. En canto á casa, que leva anos deshabitada, sufriu danos estruturais importantes.
Francisco Rivas, dono da casa: "Estragou o edificio e hai que anulalo. Hai que facer outro, ao quedar estragado todo arredor".
O condutor falecido era veciño da parroquia abadinse de Baroncelle e tiña dúas fillas de curta idade. A Garda Civil de Tráfico investiga agora as causas do sinistro.