Falece atropelado un home de 47 anos na autovía do Barbanza ao seu paso por Boiro
Un home de 47 anos morreu atropelado en plena autovía do Barbanza. Foi no quilómetro 24 en sentido a Padrón, á altura de Espiñeiras, no concello de Boiro. Un accidente pouco común neste tipo de vías, prohibidas ao paso de peóns.
Arredor das 7 e media da mañá foi o propio condutor o que daba o aviso aos Servizos de Emerxencias, e trasladáronse ata o lugar Urxencias Sanitarias, a Garda Civil e Bombeiros de Boiro, que xa nada puideron facer por salvar a vida do atropelado. O falecido é un home de 47 anos veciño de Ferrol, que se atopaba camiñando pola calzada, dentro da propia autovía, no momento do sinistro.
O condutor do vehículo recibiu asistencia médica no lugar do accidente, pero non presentaba lesións. Como consecuencia do sinistro, o carril dereito da autovía AG-11 en sentido a Padrón permaneceu cortado durante un par de horas. Dende os bombeiros din que este tipo de accidentes son pouco comúns nesta vía.
Arestora, a Garda Civil está a investigar as causas do atropelo, que depende do Xulgado de Ribeira.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí