CRTVG

Buscar

Morre asfixiada polo fume que inhalou nun incendio na súa casa de Arteixo

Publicado o 06/08/2019 11:01

Unha chamada alertaba de madrugada que saía fume dunha fiestra deste edificio de Arteixo. Ao chegar ao punto, os bombeiros confirmaban a existencia dunha persoa falecida nun ático, por riba de gran cantidade de lixo que a vítima acumulaba. Indicaban, ademais, a necesidade de baleirar o piso para conseguir a total extinción do lume e para evitar que reavivase. 

"Debido ao fume e á gran cantidade de lixo que había custounos localizar a esta persoa. Localizámola preto da única fiestra que hai, hai unha fiestra que dá a un patio de luces e despois hai tres velux pequeniños que dan á cuberta do edificio. Ben, o que fixemos foi, coa autorización da xuíza de garda, sacar o corpo do cuarto porque non se podía entrar sin protección respiratoria", asegurou Alejandro García, sarxento xefe do Parque de Bombeiros de Arteixo. 

A vivenda quedou totalmente inservible. Ao parecer, a muller tentou abrir unha fiestra para ventilar a casa pero xa quedou alí, asfixiada polo fume, xa que lapas non houbo. O que si había era unha combustión lenta que encheu o piso dese fume. Non houbo que evacuar a veciñanza e non se viu afectado ningún piso máis.

Segundo os veciños, a muller vivía soa e era moi reservada, tanto que non deixaba nin as propias fillas entrar na vivenda. De feito, unha delas acompañouna onte ata a porta do piso e xa lle dixo a súa nai que cheiraba a fume. A vítima entrou rapidamente e pechou a porta detrás dela.

A Garda Civil investiga as causas do incendio. Ao parecer, a veciña que se decatou do lume alertou a inquilina do piso para que abandonase a vivenda, pero non quixo. Tamén queren saber se a muller tentou apagar o lume polos seus propios medios.