CRTVG

Buscar

Falece unha muller en Vila de Cruces tras ser atropelada por un turismo que batera previamente cun camión

Publicado o 23/08/2021 21:48

Unha muller de 65 anos faleceu en Vila de Cruces despois de ser atropelada por un coche que batera previamente contra un camión nun cruzamento. O sinistro produciuse cando un vehículo saltou un stop e bateu contra un camión que circulaba en dirección Lalín e que facía o xiro no mesmo cruzamento.

A mala sorte quixo que, tras o impacto co vehículo, saíra despedido e levara por diante a muller que camiñaba pola beira de regreso á súa casa. O golpe que recibiu a muller foi moi violento e, pese a esa rápida intervención dos equipos de emerxencias, faleceu pouco despois. O condutor do turismo comentou que o coche non lle freara e tanto el como o condutor do camión saíron ilesos. 

A peor parte foi para a muller, que veraneaba en Toiriz, a escasos 3 quilómetros do lugar, e que decidira quedar uns días máis despois de que o seu marido e os seus fillos regresaran onte a León.

O cruzamento, que non ten mala visibilidade, si que fora escenario xa dalgún que outro accidente, aínda que ningún con falecidos coma este, que deixou un gran pesar na pequena parroquia de Toiriz.

Noticias web

23/08/2021