CRTVG

Buscar

Falece un home de 71 anos en Bande mentres facía unha queima forestal

Publicado o 29/04/2019 21:23

O home facía unha queima autorizada acompañado do seu cuñado cando un refacho de vento fixo ir cara eles o fume e mesmo unhas faíscas que lle prenderon na camisa. Nese momento o home botou a correr cara un regato próximo e faleceu. Non se sabe se foi a causa do lume ou se puido sufrir un infarto pola tensión do momento. Será a autopsia a que o esclareza.

A vítima, de 71 anos, axudaba a seu cuñado a facer unha queima autorizada nunha leira, propiedade do parente, no lugar do Ribeiro. Arredor das tres e media da tarde levantouse un refacho de vento que virou o lume cara a el. O incendio descontrolouse e algunhas faíscas prendéronlle na camisa a altura do peito. Tamén se viu rodeado polo fume. Botou a correr cara ao río que discorre a poucos metros do lugar, pero apenas uns segundos despois derrubouse e faleceu. Non se desbota que puiderse sufrir algunha indisposición súbita que lle causara a morte.

Foi o cuñado quen alertou os servizos de urxencia. Acudiu unha ambulancia medicalizada que non puido facer nada por reanimalo e certificou a defunción. Unha brigada antiincendios da Xunta extinguiu o lume, que afectou 0,7 hectáreas de monte baixo.

É a segunda vítima mortal no que vai de ano en Bande por queimas forestais. En febreiro, unha muller de 83 anos morreu mentres queimaba uns restrollos, neste caso sen permiso. E tamén a finais dese mes faleceu outra muller en Entrimo alcanzada pola lapas dunha fogueira no monte.

 

Noticias web

29/04/2019