Falece unha moza de vinte anos nun accidente de tráfico no concello do Pino
A choiva, o asfalto esvaradío e unha néboa mesta dificultaban dabondo a circulación esta madrugada pola estrada secundaria que xunta a vila coruñesa de Touro co concello do Pino. Neste termo municipal, a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, producíase o accidente. Nunha curva perigosa, o coche en que circulaban tres mozos botábase da vía pola súa marxe esquerda, levaba por diante un tramo de quince metros de varanda de protección e acababa envorcando varios metros máis adiante. O condutor saía polo seu propio pé e puido sacar do coche a ocupante que viaxaba de copiloto, que sufriu feridas leves. A moza que ía no asento de atrás, duns vinte anos, falecía no lugar do accidente. Ao lugar acudiron os servizos médicos, a Garda Civil de Tráfico de Santiago de Compostela e os bombeiros de Arzúa, que tiveron que liberar a vítima.
José Quintás, cabo dos Bombeiros de Arzúa, conta que foi sobre as cinco da madrugada do domingo cando recibiron a chamada do servizo de emerxencias que informaba dunha saída de vía cun posible atrapado.
"Á nosa chegada estaban os compañeiros da Garda Civil de Tráfico e xa nos confirmaron que había unha persoa falecida no interior do vehículo. Esperamos a que nos desen permiso e retiramos o corpo", asegura.
A outra moza foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario. Para sacar o veículo do noiro no que envorcou cumpriu empregar un guindastre de grandes dimensións. Aínda que se ocupou un carril da estrada, non houbo problemas de circulación por mor da hora en que aconteceu o sinistro.
Os axentes están a investigar se o vehículo circulaba a unha velocidade inadecuada para as condicións da estrada e se o condutor guíaba baixo os efectos do alcol. No que vai de ano, 85 persoas morreron nas estradas galegas por accidentes de tráfico.