Falece un veterinario de 43 anos golpeado por unha vaca nas Nogais
Unha chamada ao 112 alertaba dunha persoa accidentada polo golpe dunha vaca nunha explotación do lugar de Chan de Vilar, no concello lugúes das Nogais. Activouse un amplo dispositivo de emerxencias e mesmo un helicóptero medicalizado se desprazou ata a zona, pero cando chegaron os sanitarios xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.
"Estaba a Garda Civil, estaba o 061 cunha ambulancia e un médico e unha enfermeira do centro médico das nogais tratando de reanimar a unha persoa que estaba no chan que resultou ser o veterinario que fai o sanemento nesta zona, un deles", explica Claudio Vázquez, responsable do Grumir de Becerreá.
A vítima é un veterinario que estaba a realizar o saneamento das vacas cando unha delas lle deu un golpe. Nun primeiro momento estivo consciente e chegou a falar con varias persoas pero acabou falecendo pouco despois.
"Non se sabe como a vaca dou un golpe coa cabeza e pegoulle un golpe a el, cornada non consta. El chegou a falar con outros compañeiros que estaban noutra zona e se desplazaron ap lugar e non sei se foi el mesmo o que chamou ao 112 ou o veciño pero estivo consciente e logo entrou en parada", explica Claudio Vázquez, responsable do Grumir de Becerreá.
O falecido é un veciño de Lugo de 43 anos que traballaba para Tragsa.